Preocupación en Ramirás polo derrubamento do muro do cemiterio da parroquia de Penosiños

A parede onde están unha decena de sepulturas caeu hai 11 meses e desde aquela seguen esperando polo seu arranxo

Os veciños e as veciñas temen que poida virse abaixo e canda o muro tamén os restos dos familiares que están soterrados

Pídenlle ao Bispado de Ourense e a Patrimonio que axilicen os trámites para evitar unha desgraza tanto para os vivos como para os mortos

O muro do cemiterio da parroquia de penosiños caeu en decembro do ano pasado
G24.gal 09/11/2023 14:06

O derrubamento dun muro no cemiterio da parroquia de San Salvador de Penosiños, no concello ourensán de Ramirás, ten moi preocupados os veciños.

Hai once meses que caeu este muro do cemiterio da parroquia de San Salvador de Penosiños, no concello ourensán de Ramirás, e desde aquela veciñas como Josefa levan agardando o seu arranxo e vivindo nun fío.

"Quítame o sono porque é o meu home o que está aí". "11 meses, estamos no mes 11 e foi no mes 12, así que estamos esperando a que nolo arranxen".

Din que é un perigo se seguen caendo máis pedras.

"E coa chuvia esta vai seguir caendo, por suposto, porque iso está moi mal", asegura outra veciña

Queren evitar unha desgraza para os vivos e para os mortos.

Enriba do muro duns oito metros de altura están unha decena de sepulturas, e malia que está apontoado desde que caeu, os veciños e as veciñas que teñen soterrados aí os seus familiares temen que en calquera momento poida virse abaixo e con el os restos dos seus seres queridos.

"Estou moi nerviosa sempre porque teño medo de que me marchen os osiños por aí abaixo, porque teño aquí o home, a filla e os pais".

"A xente está preocupada, porque é moito tempo e cae e van as sepulturas para abaixo, que?".

Por iso, pídenlle ao Bispado de Ourense e a Patrimonio que axilicen os trámites para o seu arranxo.

"Claro que é necesario, pero as cousas así van con calma".
 

"E se segue caendo agora está a terra (mollada) e marcha todo, non nos queda nada, entón por Deus, que busquen unha solución".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar