O PP rexeita a devolución dos orzamentos, que a oposición tacha de "electoralistas"

O conselleiro de Facenda defendeu os seus orzamentos, que cualificou como "útiles" para "investir en estabilidade, nas persoas e no futuro"

A oposición carga contra as "regalías electorais" e "cheques para comprar votos" dos presupostos

A Xunta rexeita as emendas de BNG e PSdeG para mover 2.500 millóns nos orzamentos

O pleno do Parlamento rexeitou as emendas á totalidade á Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta

Miguel Corgo intervén este luns no Parlamento de Galicia (EFE/Xoán Rey) Miguel Corgo intervén este luns no Parlamento de Galicia (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 20/11/2023 08:29 Última actualización 20/11/2023 20:25

O PPdeG rexeitou coa súa maioría parlamentaria as emendas de devolución presentadas pola oposición, BNG e PSdeG, ao proxecto de orzamentos para 2024, que tachou de "electoralistas" e cre unha "oportunidade perdida" para axudar aos máis desfavorecidos e mellorar a economía.

Durante o debate de totalidade no pleno do Parlamento destes orzamentos, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, constatou que hai "dous modelos diferentes" de orzamentos por parte da Xunta e a oposición e rexeitou categoricamente o do BNG e PSdeG que lle parece que só pretende "gastar máis e incrementar os impostos".

Corgos defendeu os seus orzamentos que alcanzarán os 13.257 millóns de euros e que cualificou como "útiles" para "investir en estabilidade, investir nas persoas e no futuro".

Pero a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que están "trufados de electoralismo" porque, con eles, a Xunta quere "comprar o voto" dos galegos aínda que augurou que serán os últimos que aprobe o PP, ao que ve "desesperado por manterse no poder".

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, cualificou o proxecto de orzamentos da Xunta para 2024 de "versión moderna de pan e circo" destinado a gañar votos nas próximas eleccións autonómicas, xa que lle parece só unha "colección de estímulos ao votante" e cheo de "regalías electorais".

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, considerou que os grupos da oposición mostraron que "non existe alternativa" ás políticas da Xunta, e criticou especialmente as predicións "facendo de Nostradamus" de Pontón, á que cualificou de "pitonisa agoireira do nacionalismo galego". 

A Xunta rexeita as emendas do BNG e do PSdeG

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mostrou o rexeitamento da Xunta ás emendas transversais da oposición aos orzamentos para o ano que vén que supoñían a mobilización de case 2.500 millóns de euros, uns 2.000 por parte do BNG e 470 millóns, do PSdeG. Segundo explicou no pleno, un "motivo central" para non aceptar estas emendas é que a Xunta está "en contra de subir os impostos".

A portavoz de Economía do BNG, Noa Presas, defendeu as emendas do seu partido para mobilizar uns 2.000 millóns de euros en 54 propostas estratéxicas destinadas a reforzar a sanidade pública, recuperar a tarxeta básica ou establecer unha renda de inserción laboral, así como unha mellora do sistema educativo, e fortalecer as políticas sociais. 

Begoña Rodríguez Rumbo do PSdeG, pola súa banda, propuxo mobilizar 470 millóns de euros ata alcanzar os 13.700 millóns de gasto non financeiro e cambiar as prioridades da acción do goberno, para centralas no reforzo do estado do benestar e a reactivación económica e industrial de Galicia.

O Parlamento rexeitou as emendas a Lei de acompañamento dos orzamentos

O pleno do Parlamento de Galicia rexeitou este luns, cos votos en contra do Partido Popular, as emendas á totalidade á coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta, polo que segue a súa tramitación entre críticas por parte dos grupos da oposición.

Para o deputado do BNG, Luis Bará, é "unha mostra clarísima de autoritarismo" mentres que Gonzalo Caballero, do PSdeG lamentou que "os populares usen a porta de atrás para implementar importantes cambios que esconden unha barbaridade lexislativa”.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, defendeu que o texto terá un importante impacto nas enerxías renovables, no impulso de novas rebaixas fiscais ou en melloras para atención a persoas con dependencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade