OPINIÓN

Os prezos do petróleo, cada día máis baixos, por Venancio Salcines

G24.gal 04/12/2023 08:00

En xuño deste ano, o prezo do petróleo situábase por debaixo dos setenta e cinco dólares o barril Brent, chegaba un gromo de optimismo que pronto se disipou con subas e máis subas. Cada semana no verán arrancaba con prezos máis altos, de xeito que en setembro xa eran moitas as voces que vían o barril Brent por enriba dos cen dólares, de feito acadou en setembro os 93,72 dólares/barril.

O conflito bélico entre Hamas e o Estado de Israel, mais a obsesión de Arabia Saudita de ter a oferta de petróleo por debaixo da demanda e con iso provocar tensións nos prezos, provocou o pesimismo. Fíxoo de tal xeito que algunhas voces falaban de niveis de 150 dólares o barril se a guerra se estendía ó estreito do Ormuz, porta marítima de saída dunha boa parte do petróleo do Golfo. O mesmo Banco Mundial chegaba a falar de 157 dólares o barril. Pero nada disto está a acadar. Todo o contrario.

O pasado mes de novembro observamos outra realidade, os prezos buscaban os oitenta dólares, situándose algúns días por debaixo desa cifra. Se a situación xeopolítica non sofre grandes cambios pódese afirmar que en decembro se situará nesa cifra, os oitenta, o mesmo nivel que tiñamos hai un ano, e non é descartable que vexamos novas baixadas para o ano que vén. Por que? Por varias razóns.

1.- O arrefriamento das grandes potencias. Alemaña, Os Estados Unidos, A China... os países máis desenvolvidos están a sufrir o arrefriamento provocado pola suba dos xuros, e aínda que o 24 será de recuperación económica para Europa Central, o ritmo de crecemento económico non estimula as compras especulativas de petróleo, evitando alzas artificiais nos prezos.

2.- Os mercados daban por seguro que A China sairía da crise covid con forza, do mesmo xeito que Europa e Os Estados Unidos, pero non é así. A potencia asiática mostra niveis de crecemento do 4,5 % que son, para un país afeito a moverse por enriba de 6 %, cifras modestas, e o que é máis importante, anticipa unha tendencia da China a situarse en niveis de crecemento máis propios dun país desenvolvido que non dun país en vías de desenvolvemento.

3.- O terceiro punto é a apreciación do euro fronte ó dólar que se leva producindo dende primeiros de outubro e permite abaratar o custo real das compras en euros.

A conclusión é que coa contorna actual non esperan tensións nos prezos enerxéticos no curto prazo e isto loxicamente é unha boa noticia para a evolución da inflación, principal determinante da política monetaria europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade