Moncho Fernández: “Estamos nun proceso case de sempiterna construción"

Lamentou que o seu equipo perdese por “pequenos detalles” os partidos contra Surne Bilbao e MoraBanc Andorra

Foto @OBRADOIROCAB
G24.gal 01/12/2023 11:41 Última actualización 01/12/2023 12:02

Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, eloxiou este venres o Lenovo Tenerife, un rival ao que nunca lle deron gañado en terras canarias.

“Ten moita calidade pero tamén moita experiencia. É un equipo que xoga de memoria e faino moi ben. Este ano engadiu ao seu repertorio o que lle dá Ristic, un cinco que se abre para tirar de tres e estao facendo de maneira incrible, con máis dun 60 por cento de acerto no último mes”, afirmou en conferencia de prensa.

O técnico santiagués asume que o duelo ante o conxunto dirixido por Txus Vidorreta será “moi complicado” para os seus, porque o Tenerife endereitou o seu rumbo tras gañar seis do últimos sete partidos que disputou entre Liga Endesa e Liga de Campións –a súa única derrota foi ante o Barça por 94-83 no Palau.

“Agora está a funcionar como é o Tenerife, un equipo dos que mellor xogan da liga. É un equipo moi experto, fantástico. Sabemos da dificultade do reto, pero confiamos nas nosas posibilidades”, indicou.

Moncho Fernández lamentou que o seu equipo perdese por “pequenos detalles” os partidos contra Surne Bilbao e MoraBanc Andorra, porque eses dous triunfos permitiríanlle estar nunha posición “máis cómoda” na táboa, pero apelou ao traballo para saír da zona baixa.

“Estamos nun proceso case de sempiterna construción, porque por un motivo ou outro nos faltaron xogadores e logo chegaron outros”, subliñou o preparador do Obradoiro. 

O técnico santiagués tamén se alegrou pola recente renovación ata 2026 do internacional dominicano Rigoberto Mendoza, quen aínda non puido debutar na liga Endesa tras lesionarse no primeiro partido da fase previa da liga de Campións contra o Mornar.

“Alégrome moito por el. É unha persoa implicada, un xogador que está moi metido no equipo. É moi bo profesional, está a traballar duro para volver canto antes”, manifestou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos