Arquivan a causa sobre o incendio do edificio de Vigo onde faleceu unha nai e tres dos seus fillos

A maxistrada explica no auto que, tras practicarse as dilixencias de instrución oportunas, non atopou evidencias de intencionalidade

Houbo sobreintensidade e a calor e o fume xerados, segundo o informe da policía científica, subiron polo oco das escaleiras, causando danos de distinta consideración nas distintas plantas

G24.gal 24/11/2023 13:01

O Xulgado de Instrución número 1 de Vigo acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa aberta sobre o incendio do edificio de Vigo no que faleceron unha nai e tres dos seus fillos o pasado 11 de outubro ao non percibir que fose intencionado, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A maxistrada explica no auto que, tras practicarse as dilixencias de instrución oportunas, non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito que motivou a formación da causa. A xuíza incide en que non resultan indicios que "obxectiven a comisión de infracción penal” nin que o incendio “obedeza a actuación delituosa algunha". Considera que é "especialmente relevante e significativo" o informe técnico policial sobre as causas e a orixe do incendio, elaborado unha vez concluídos os informes do Laboratorio Químico da Unidade de Análises Científicas da Comisaría Xeral de Policía Científica e á luz da específica inspección técnico-policial da Brigada de Policía Científica.

O informe, segundo indica o auto, constata a existencia dun único foco inicial do incendio, que se situou no lugar onde se atopaba o cadro eléctrico, no portal, xunto ás caixas de correos, cuxo estudo levou á localización de dous tramos distintos de cable de fíos de cobre, os cales presentan empalmes, con rixidez en varias zonas derivadas da fusión e soldadura dos seus fíos por calor interna. Houbo sobreintensidade e a calor e o fume xerados, segundo o informe da policía científica, subiron polo oco das escaleiras, causando danos de distinta consideración nas distintas plantas, de maior intensidade nas máis próximas ao portal.

Desde ese foco inicial progresaron cara á porta do portal, onde se atopaban varias bicicletas e un ciclomotor, que polas súas características e elementos implicaron unha gran carga de combustible. Iso provocou un aumento das chamas, a calor e o fume, que, polo efecto cheminea, ascendeu polo oco das escaleiras cara ás plantas superiores, onde estaban as catro vítimas tras saír da súa vivenda. Morreron a nai e tres dos seus fillos e sobreviviron o pai e a nena pequena, á que protexeu co seu corpo. O sobresemento provisional e arquivo da causa non é firme, pois contra a resolución cabe interpoñer recurso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade