O turismo, motor de crecemento da economía española, por Maite Cancelo
OPINIÓN
O turismo, motor de crecemento da economía española, por Maite Cancelo
O turismo segue a ser o motor de crecemento da economía española. Así, no mes de setembro España recibiu 8,8 millóns de turistas internacionais, un 13,6 % máis que no mesmo mes do ano anterior, e este ano xa acumula un total de 66,5 millóns de visitantes, un 19 % máis que no 2022, aínda que se comparamos estas cifras coas que tiñamos antes da pandemia polo de agora non recuperamos totalmente o dato turístico, ao ser a variación deste ano un -0.6 % con relación á do mesmo período do 2019.
Outro dato positivo é que se produce un incremento do gasto dos turistas. Falamos dun 24 % máis nestes nove primeiros meses do ano, máis de oitenta e catro mil millóns de euros, e aquí si que vemos un aumento por enriba do gasto contabilizado antes da pandemia, que, ademais, non só reflicte o incremento dos prezos pola elevada inflación en España, xa que os 1.271 euros de gasto medio por turista supoñen un aumento do 7,9 %, co que se situou por encima do crecemento do IPC.
Por comunidades autónomas, as Illas Baleares seguen sendo o primeiro destino no mes de setembro, seguidas de Cataluña e Andalucía. Aínda que é certo que Cataluña é a única que empeora os seus resultados con relación ao ano 2019, a pesar de mellorar os seus resultados, tanto en entrada de turistas como en gasto con relación ao ano 2022.
Se analizamos, ademais, os datos estimados pola Alianza para a Excelencia Turística (EXCELTUR), podemos complementar o dato do INE coa análise desta organización, que sinala a fortaleza que tamén está a amosar a demanda nacional, sobre todo nos meses centrais do verán. No informe tamén se apunta ao balance especialmente positivo, nos meses de verán, nas comunidades do norte, xa que estiveron menos expostas ás ondas de calor. Falamos do País Vasco, Galicia, Asturias e Cantabria.
Con relación ao outono, os empresarios confían no alongamento da tempada e con novos datos positivos para estes meses finais do ano.
Expectativas
No estudo publicado por EXCELTUR prevese que os ingresos por turismo en España acadarán os 183 miles de millóns de euros neste ano e situaranse ao redor do 16 % do PIB. Hai que sinalar que na data de elaboración deste estudo aínda non se recollían as posibles repercusións no turismo das tensións xeopolíticas derivadas do conflito entre Israel e Palestina.
En calquera caso, se analizamos os países de procedencia co dato xa contabilizado polo INE, o Reino Unido segue estando á cabeza dos países emisores, co 22 % do total, case dous millóns e un aumento do 8,7 % con relación ao mesmo mes do ano anterior, seguido por Alemaña e Francia (1,3 e 1 millón, respectivamente). Esta concentración da demanda nestes tres países de orixe (que supoñen a metade dos turistas estranxeiros) suxírenos que podería haber unha menor afluencia no próximo ano, dadas as súas expectativas de crecemento, algún dos cales xa está a amosar síntomas de debilidade, como e o caso alemán, e con previsións de aumento do PIB, que segundo o FMI se situará no 1,3 % nos da Zona Euro e no 1 % no caso británico.
Con todo, é certo que as tensións pola guerra no oriente próximo benefician o turismo en España, xa que, a pesar de que temos prezos máis elevados, ofrecemos unha contorna máis estable, con menores riscos para os turistas, polo que, a pesar da evolución das economías europeas, podemos seguir sendo optimistas con relación a un dos nosos sectores estrela, que axudará a mitigar outros choques externos e internos sobre o noso crecemento futuro.