O TS anula o nomeamento de Magdalena Valerio como presidenta do Consello de Estado

Magdalena Valerio
G24.gal 30/11/2023 15:37

O Tribunal Supremo anula o nomeamento de Magdalena Valerio como presidenta do Consello de Estado, por non reunir o requisito legal de "xurista de recoñecido prestixio", que esixe a lei orgánica que regula a institución.

O Tribunal Supremo ten o deber de "asegurar que quen estea á fronte do Consello de Estado reúna a dobre cualificación que require o lexislador: prestixio xurídico e coñecemento experto sobre os asuntos do Estado".

Magdalena Valerio só reúne un deles: conta con experiencia en asuntos de Estado. Isto non é suficiente xa que, segundo di a Sala, a norma é clara e "son dúas condicións que debe reunir quen asuma a presidencia deste órgano".

Sobre o feito de que a Comisión Constitucional do congreso avalara o seu nomeamento, o Supremo afirma que é unha valoración de natureza política, "non de carácter técnico". A Comisión Constitucional lanzara un ditame aprobando a súa idoneidade e ausencia de conflito de intereses, pero a idoneidade "non incorpora o requisito político da lei orgánica", afirma o Tribunal.

Deste xeito, a Sala do Contencioso-Administrativo dita unha sentenza que estima un recurso da fundación Hay Derecho en que explica que Valerio só reúne un dos requisitos. Ademais, sobre a falta de lexitimación da fundación, que alegou a Avogacía do Estado, a Sala descártao porque non é nin un partido político nin unha estrutura ligada a este. Polo contrario, é unha entidade que "vén desenvolvendo a súa actividade en pro do Estado do Dereito".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade