O tirón das luces de Vigo no turismo galego

Vigo é un dos lugares que está case ao completo. O efecto das luces volve deixar cifras importantes de ocupación, máis do 90 %. Pero dese tirón benefícianse boa parte dos concellos da contorna

Aseguran que hai uns anos por estas mesmas datas o sector non chegaba ao 30 % e agora decembro conságrase como un dos mellores meses do ano despois dos do verán

G24.gal 09/12/2023 16:18 Última actualización 09/12/2023 16:56

Non resulta doado atopar vigueses e viguesas no centro da cidade. Máis nun sábado de ponte festiva en pleno mes de decembro.

"Veño do Brasil. Vou ficar aquí ata o 21 de decembro en España".

"Vimos desde León e imos ver as luces. Vimos todos os anos porque nos encanta".

As cifras en Vigo roldan o 92 % de ocupación hoteleira. Pero nos establecementos que se sitúan nun radio de 30 quilómetros de distancia, esas cifras poderían chegar ao 80 %. César Ballesteros, presidente dos hostaleiros da provincia de Pontevedra.

"Os hoteis están cheos, a xente vén e busca que hoteis están máis achegados a Vigo para poder ir ver as luces. Entón buscan alternativas, que poden ser Pontevedra, Tui...", explica César Ballesteros, presidente dos hostaleiros da provincia de Pontevedra.

"Estamos na Toxa porque non vimos unha oferta adecuada para poder aloxarnos por aquí preto".

O efecto das luces de Vigo esténdese a outros puntos da provincia de Pontevedra, é un gancho perfecto para visitar Galicia e facer turismo pola zona. 

"Estivemos na Toxa uns días. Fixemos unhas escapadas pola provincia de Pontevedra e agora vimos aquí para ver as luces de Vigo".

Decembro conságrase como un dos meses máis importantes do ano despois do verán. Aseguran que hai uns anos, a ocupación nesta época do ano non chegaba ao 30 % en Vigo. Agora rozan o cheo e benefician outros sectores de maneira directa e indirecta; un deles, o da restauración.

"Estamos ao cen por cento. Reservado ao mediodía, á noite... Durante toda a ponte estivo moi completo", conta Moncho Fernández, encargado do restaurante El Águila en Vigo.

"Hai estudos que estiman que o investimento das luces do Nadal en Vigo pode ter un retorno de oito ou dez veces máis do investido", matiza César Ballesteros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar