O Pontevedra vence con polémica no derbi fronte ao Compostela (3-0)

O colexiado entendeu como agresión unha acción entre o Pato Guillén e Churre que ocasionou a expulsión do porteiro santiagués

Rufo anotou dous goles de penalti e xa é o máximo goleador da liga

G24.gal 03/12/2023 20:16

O Pontevedra logrou a vitoria por tres a cero no derbi fronte ao Compostela. O partido marchou empatado ao descanso, pero dous penaltis nos primeiros dez minutos do segundo tempo decantaron o encontro.

O derbi comezou con alternativas para ambos os equipos, aínda que os achegamentos non terminaron de xerar perigo nos primeiros minutos. A máis clara da primeira metade estivo nas botas dun xogador visitante, Fer Beltrán, pero o seu lanzamentou foi detido de forma formidable por Edu Sousa. Polo Pontevedra, Álex González levou case todo o perigo.

Á volta de vestiarios, un penalti sinalado polo colexiado sobre Yelko Pino foi transformado en gol por Rufo. Sete minutos despois chegou a acción máis polémica do encontro, unha acción entre o Pato Guillén e Churre é interpretada polo árbitro como agresión. Unha nova pena máxima e un novo gol de Rufo, o noveno na súa conta particular, que o pon na cima da táboa de goleadores. Con todo decantado, Álvaro Casas viu o segundo cartón amarelo e os santiagueses acabaron con nove. A falta de cinco minutos Carlos López pechou o partido.

O conxunto local métese na loita polo ascenso directo aproveitando as derrotas dos competidores. Pola súa parte, o Compostela continúa sexto a catro puntos dos postos de playoff.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade