O Pontevedra empata nas Gaunas diante dun líder en inferioridade (1-1)
Mediada a primeira metade foi expulsado o porteiro da UD Logroñés, Taliby, despois dunha entrada sobre Luisao
O propio Luisao adiantou aos granates antes do descanso
Os rioxanos conseguiron o empate a balón parado
O Pontevedra sacou o empate do campo do líder, unha Unión Deportiva Logroñés que contaba os partidos por vitorias. Pero foi un empate agridoce, que chegou co rival xogando con dez durante máis dunha hora tras a expulsión do seu porteiro.
A UD Logroñés entrou mellor ao partido, e gozou das primeiras ocasións, co Pontevedra agardando para saír con velocidade. E, nunha desas accións, chegou a expulsión que condicionaría o choque. Luisao adiantouse ao porteiro Taliby, que impactou no xogador granate. Cartón vermello directo, ao que seguiu a expulsión do adestrador local, moi amolado.
Luisao foi o gran protagonista do Pontevedra. Despois de forzar esa expulsión, gozou dunha boa ocasión que rematou cunha vaselina por riba da portería de Sobrón e, aínda antes do descanso, culminou outra boa contra co gol que abría o marcador. Rematou axustado ao pau unha asiatencia de Ilias, que conduciu a acción.
Tras o descanso, A UD Logroñés redobrou os esforzos á busca do empate, e conseguiu crear varias ocasións de perigo: as dúas primeiras sacousas a córner Marqueta con boas intervencións. Pero, desde o curruncho, chegou o tanto da igualada: un centro moi perigoso desviouno Reda contra a súa propia portería.
Movéronse os bancos, e o Pontevedra non renunciou á busca da vitoria, que puido chegar nunha cabezada da Mba no primeiro pau que saíu por pouco. Ao final, 1-1, o Pontevedra suma xa sete puntos e queda a tres do liderado.