España chega á cifra 21,26 millóns de ocupados, pero o paro sobe en 92.700 persoas
España chega á cifra 21,26 millóns de ocupados, pero o paro sobe en 92.700 persoas
O total de desempregados subiu así ata as 2.855.200 persoas e a taxa de paro avanzou dúas décimas, ata o 11,84 %, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa
Galicia crea 14.200 empleos no verán e o paro cae por debaixo do 10%
.png)
O paro subiu en 92.700 persoas no terceiro trimestre do ano, o cal supón un 3,3 % máis que no trimestre anterior e a súa maior repunta en valores absolutos desde o terceiro trimestre de 2020, en plena pandemia.
O total de desempregados subiu así ata as 2.855.200 persoas e a taxa de paro avanzou dúas décimas, ata o 11,84 %, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística.
Entre xullo e setembro creáronse en España 209.100 postos de traballo (+1 %), case tres veces máis que no mesmo período de 2022, e eleva o total de ocupados por primeira vez na historia a 21.265.900 persoas. O número de activos tamén alcanzou un novo máximo ao peche do terceiro trimestre, con 24.121.000 persoas, tras aumentar nos meses de verán en 301.900 persoas (+1,3 %).
No último ano o paro reduciuse en 125.000 persoas (-4,2 %) e creáronse 720.100 empregos (+3,5 %), mentres que o volume de activos se incrementou en 595.100 persoas (+2,5 %). Nunha valoración remitida aos medios de comunicación, o Ministerio de Asuntos Económicos destacou que o mercado laboral continuou mostrando no terceiro trimestre unha "boa evolución", a pesar dun contexto internacional "complexo", grazas á "fortaleza e dinamismo da economía española".
"Alcánzase novo máximo histórico de ocupación e poboación activa, baixa a temporalidade e o paro xuvenil rexistra a súa menor taxa desde 2008", resaltou Economía, que engadiu que o récord no número de activos evidencia "a confianza dos cidadáns en atopar un emprego". Segundo o INE, o número de asalariados aumentou no terceiro trimestre en 266.000 persoas (+1,5 %), dos que 232.100 tiñan contrato indefinido (+1,6 %) e 33.900, contrato temporal (+1,1 %). Deste xeito, a taxa de temporalidade reduciuse ata o 17,26 %.
A creación de emprego entre xullo e setembro concentrouse de novo no sector privado, que xerou 192.200 postos de traballo, un 1,1 % máis, fronte a 17.000 novos empregos no sector público, un 0,5 % máis que no trimestre anterior.
Galicia crea 14.200 empregos en verán e o paro baixa do 10 %
O mercado laboral creou no terceiro trimestre en Galicia 14.200 empregos, ata chegar a 1.144.400 ocupados, segundo a Enquisa de Poboación Activa publicada este xoves no Instituto Nacional de Estatística. O número de desempregados en Galicia no terceiro trimestre situouse en 117.200, o cal pon a taxa de paro no 9,29 %, por baixo do 10 %, por un 11,84 % no conxunto de España, unha taxa 2,5 puntos maior.
Durante o verán, o paro caeu en Galicia un 2,13 %, en 2.500 persoas, segundo os datos da EPA, mentres que a media de España foi un ascenso de 92.700 persoas, un 3,36 %. Con todo, o paro afecta de forma desigual en Galicia a homes e a mulleres, xa que a media entre os homes é do 8,43 %, case un punto inferior á media, e a das mulleres sitúase no 10,2 %, practicamente un punto superior.
Durante o verán había en Galicia 54.900 homes en paro e 62.200 mulleres. Esta diferenza tamén se observa na taxa de actividade, as persoas que están a traballar sobre as que o poderían facer. Deste xeito, a taxa xeral é do 53,6 % en Galicia, que se eleva ao 57,9 % no caso dos homes e cae por baixo do 50 % no caso da mulleres, ata o 49,5 %.
Nos tres meses de verán traballaban na comunidade autónoma 596.600 homes e 547.800 mulleres. No que respecta ao último ano, o número de ocupados incrementouse en Galicia en 30.600 persoas, un 2,75 %, mentres que o paro descendeu en 17.700 persoas, un 13,1 %.