O emprendemento mira cara a Galicia

 As aceleradoras de novas empresas sinalan o bo momento para facer realidade unha idea de negocio

G24.gal 26/11/2023 14:50 Última actualización 26/11/2023 17:09

Nun mercado laboral cada vez máis incerto polo dominio das novas tecnoloxías, hai quen decide apostar por un mesmo desenvolvendo unha idea de negocio. É o momento dos emprendedores e das empresas emerxentes, proxectos empresariais que necesitan de investimento pero tamén da organización necesaria para ter éxito. É aquí onde interveñen as aceleradoras destas iniciativas, que detectan as ideas triunfadoras e apóianas con ferramentas empresariais para que se fagan realidade.

"Quen queira emprender pode facelo cos mínimos recursos posibles, tentando validar unha idea de negocio. Nós podemos axudar nese proceso para que sexa sistemático, para non perder os soños, os cartos... Tentar facer as cousas cun pouco de sentido común, de sentidiño", sinala Juan Carlos Bugallo, cofundador da aceleradora de novas empresas "Startups.st".

Para os especialistas en startups ou empresas emerxentes, o talento non só está en Madrid ou Barcelona. A súa aposta é agora Galicia.

"En Galicia ao final as oportunidades xorden en todos os sitios igual. Aquí temos unha industria e uns sectores moi punteiros, que están tamén apoiados na tecnoloxía e no sector TIC, que é un sector transversal para todas as industrias", matiza o outro fundador da aceleradora de empresas, Roberto Touza.

O traballo colaborativo e en rede, aproveitando as experiencias doutros emprendedores, acaba marcando a diferenza para que un proxecto de negocio acabe consolidándose.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade