O comisario europeo de Xustiza advirte que estudarán "moi de preto" a lei de amnistía

Didier Reynder admite que, de momento, a lei é un asunto interno de España

Populares e socialistas acúsanse no europarlamento de erosionar o Estado de Dereito

Antón Montero 22/11/2023 19:48 Última actualización 22/11/2023 20:44

O Europarlamento discutiu sobre unha lei de amnistía que aínda non existe, un feito, lembraba a secretaria de Estado de Exteriores, con poucos precedentes.

Entrados en debate, o líder dos populares europeos auguraba que Sánchez pasará á historia como o home que tombou o Estado de dereito.

Segundo Manfred Weber, "Sánchez priorizou o seu egoísmo persoal, elixiu dividir España, desde agora en mans dos extremistas e en risco dun novo referendo en Cataluña".

A popular Dolors Montserrat pedíalle a Europa que escoitase os pais fundadores: "Non permitas que Sánchez converta en España o soño europeo nun pesadelo populista".

Os socialistas respondían que a única ameaza é a alianza do PP coa ultradereita ou o bloqueo na renovación dos órganos xudiciais.

A presidenta do grupo socialista Iratxe García explicou: "Ante a maior crise territorial da democracia española só hai dous camiños: o fracasado da imposición e a ameaza ou o camiño do diálogo, o entendemento e a reconciliación".

E o eurodeputado do PSOE Juan Fernándo López Aguilar aseguraba: "Non hai ningunha ameaza contra a independencia xudicial en España que non sexa o bloqueo groseiro e contumaz do Consello Xeral do Poder Xudicial por parte do Partido Popular".

Vox comparaba a inacción europea coa contundencia demostrada con Polonia ou Hungría, incomprensible, din, para millóns de españois. "Pois ven como España transita o amargo camiño da tiranía ante o silencio de Bruxelas", dixo Jorge Buxadé.

Non interveu Carles Puigdemont pero si outro dos beneficiarios da futura lei, o exconseller Toni Comín. "A lei de amnistía non é un ataque ao Estado de dereito. O ataque ao Estado de dereito foi o abuso do dereito penal que fixeron os xuíces do Tribunal Supremo", dixo.

O comisario europeo de Xustiza dixo que supervisarán que a lei finalmente aprobada respecte os valores europeos. "A Comisión fará unha análise moi coidadosa, independente e obxectiva para determinar a súa conformidade coa lei da EU", dixo Didier Reynders.

Con todo, Reynders admitiu que, de momento, o da amnistía segue sendo un asunto interno de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade