O acusado de maltratar e intentar matar a súa exmuller nun bar da Coruña declárase culpable

A Fiscalía rebaixa a súa petición de condena dos case dezasete anos de cadea aos once anos e medio

Culpable no xuízo
G24.gal 27/11/2023 14:33

O procesado declarouse culpable. As acusacións, pública e particular, acusábano de maltratar e intentar matar a súa exmuller. Segundo o seu escrito, os feitos aconteceron en xullo do ano pasado. Daquela, o investigado, a través da súa filla menor, soubo que a vítima estaba nun bar da Coruña cunha amiga. Disposto a acabar coa súa vida, segundo a acusación, dirixiuse ao local.

A menor quedou na entrada do negocio e el sacou un coitelo do medio do medio da súa roupa e atacouna. A vítima, que declarou desde outra sala, logrou interpoñer o seu brazo esquerdo para repeler as coiteladas. Contou que a agresión se produciu despois de romper a convivencia e que el actuou tras inxerir drogas e alcol.

"Recoñeceu ser autor dos feitos, e tamén recoñeceu que as acusacións están de acordo con este detalle, que estaba baixo os efectos tanto de alcol como de cocaína. E isto fixo que a pena quedara rebaixada considerablemente", explica José Ramón Sierra, o avogado da defensa.

Deste xeito, o Ministerio Público modificou a súa petición de condena, pasando dos case dezasete anos de cadea aos once anos e medio.

"E dentro desta petición, introduciu a posibilidade de que tras cumprir cinco anos da súa condena, que ao estar xa en prisión preventiva quédanlle tres anos e medio, sexa expulsado de España", engade Sierra.

O xuízo quedou visto para sentenza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade