Netanyahu descarta un cesamento do fogo "ata acabar con Hamas"

Israel libera con vida a primeira refén secuestrada o sete de outubro

As tropas israelís combaten en territorio palestino e avanzan cara a Gaza

G24.gal 30/10/2023 20:18 Última actualización 30/10/2023 20:27

Israel rescatou con vida a primeira refén secuestrada por Hamas, unha militar que foi liberada nunha operación terrestre dentro de Gaza.

O Goberno israelí considérao unha vitoria, anunciada poucas horas despois de que Hamas difundise un video en que tres reféns culpan a Benjamin Netanyahu de non facer nada polos secuestrados. Unha das mulleres esíxelle berrando que acepte un intercambio de prisioneiros tal e como pide Hamas.

Nunha comparecencia pública, o primeiro ministro israelí descartou por completo un cesamento do fogo "ata acabar con Hamas". E avanzou que a guerra entra nunha terceira fase. 

Os tanques e as tropas israelís combaten xa con Hamas dentro de territorio palestino e están chegando á cidade de Gaza.

A ONU denuncia que Israel está bombardeando nos arredores dos principais hospitais do norte da franxa, onde hai milleiros de feridos e onde máis de 100.000 refuxiados buscan protección. Israel mandou evacualos, pero Nacións Unidas di que é imposible.

As autoridades de Gaza cifran en 8.300 os civís palestinos falecidos desde que empezou o conflito.

A Organización Mundial da Saúde di que a situación humanitaria é cada vez máis preocupante. Hai milleiros de feridos e enfermos sen fogar. E a axuda humanitaria, din, non cobre as necesidades de comida, auga e medicamentos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade