Nacións Unidas denuncia unha matanza de nenos "sen precedentes" en Gaza

O secretario xeral da ONU, António Guterres, sinalou que os nenos de Gaza morren a un ritmo superior que en calquera outro conflito

G24.gal 20/11/2023 17:02

O secretario xeral da ONU, António Guterres, declarou este luns que a matanza de nenos na Franxa de Gaza, dende o comezo da guerra entre Israel e o grupo islamita palestino Hamas, "non ten precedentes" en ningún conflito desde que asumiu o seu cargo como secretario xeral da organización.

Guterres foi preguntado pola prensa sobre se os últimos ataques desta fin de semana a dúas escolas da axencia da ONU para os refuxiados palestinos (UNRWA) constituían crimes de guerra.

Ante esta cuestión, o portugués sinalou que a el non lle corresponde realizar este tipo de valoracións, aínda que ,"sen entrar en discusións sobre a exactitude das cifras publicadas polas autoridades 'de facto' en Gaza, o que está claro é que nunhas semanas tivemos miles de nenos falecidos", dixo o secretario xeral.

Porén, nos informes da ONU sobre menores mortos en conflitos ao longo dun ano, Guterres apunta que o maior número de nenos falecidos en conflitos bélicos corresponde a Afganistán, onde faleceron máis de 900 nenos en 2018.

O secretario xeral das Nacións Unidas reiterou a necesidade dun período de transición unha vez conclúa a ofensiva israelí. Esta transición estaría supervisada por unha coalición de países que permita á Autoridade Nacional Palestina (que goberna en Cisxordania ocupada) asumir a responsabilidade no enclave palestino de Gaza.

Ademais, comentou que espera que, durante este período de transición, se alcance un acordo entre diferentes países en que se inclúa a Estados Unidos como principal garante da seguridade de Israel, e os países árabes como protectores dos palestinos, co obxectivo final dunha solución de dous estados.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade