Polo menos 73 feridos en ataques hutís contra instalacións civís e económicas sauditas
A coalición militar liderada por Arabia Saudita advirte que tomará todas as medidas operativas necesarias para disuadir esta "milicia terrorista"
(Houthi Media/Vía Reuters)
Polo menos 73 persoas, entre elas mulleres e nenos, quedaron feridas por unha serie de ataques dos rebeldes xiítas hutís do Iemen contra instalacións civís e económicas en catro provincias de Arabia Saudita, no contexto da escalada militar no país veciño do sur da península Arábiga, informaron este martes fontes oficiais e militares sauditas.
Turki Al Maliki, portavoz da coalición militar liderada por Arabia Saudita que intervén desde 2015 no Iemen en favor do Goberno recoñecido internacionalmente, asegurou que esa alianza tomará todas as medidas operativas necesarias para disuadir "esta milicia terrorista", sen dar a coñecer se os ataques foron realizados por mísiles ou drons.
Pola súa banda, o Ministerio de Enerxía saudita denunciou que as agresións hutís tiveron como branco varias instalacións e complexos do sector enerxético no sur de Arabia Saudita, onde provocaron incendios en varios sitios, o cal levou á interrupción temporal dalgunhas operacións.
O ataque hutí foi condenado tamén polo Ministerio de Exteriores saudita, que denunciou, así mesmo, a continuación dos ataques da milicia contra buques comerciais no mar Vermello e a súa ameaza á liberdade da navegación marítima internacional no marco do conflito no Iemen.
Riad acusou, nun comunicado, os hutís, apoiados por Irán, de ameazaren a seguridade do Iemen e a súa contorna árabe e de rexeitaren constantemente todos os esforzos de paz.
O novo ataque hutí produciuse despois de que os insurxentes iemenís acusasen onte luns a coalición militar liderada por Arabia Saudita de atacar unha prisión na provincia de Al Jawf, no norte do Iemen, e causar a morte de polo menos sete persoas, o cal esa alianza non comentou.
O portavoz militar hutí, Yahya Saree, advertiu o luns que esa agresión, atribuída a Arabia Saudita, non quedará impune.
Os novos ataques e acusacións recíprocas entre os hutís e Riad prodúcense no medio dunha grave escalada militar no Iemen que ameaza o acordo de cesamento do fogo de 2022, mediado por Nacións Unidas para poñer fin ao conflito desatado en 2014.
Os hutís emprenderon a finais de agosto ofensivas militares contra territorio baixo control do Goberno iemení, especialmente na provincia rica en petróleo de Marib, na costa do mar Vermello, mentres que as forzas gobernamentais aseguran que avanzan en territorio controlado polos insurxentes, particularmente nas provincias de Al Jawf e Al-Hudayda.