Morre Shane MacGowan, líder de The Pogues, compositor, cantante e poeta irlandés

Creador dun estilo único, fixo convivir as súas raíces familiares co movemento punk londiniense, co que creceu

O artista, de 65 anos, recibira hai poucos días a alta do hospital despois dunha longa convalecencia

No verán de 2002 actuou na Coruña co seu outro grupo, The Popes

Shane MacGowan nunha foto de arquivo (Twitter) Shane MacGowan nunha foto de arquivo (Twitter)
Eduardo Herrero Lapido / G24.gal 30/11/2023 13:34

O artista irlandés Shane MacGowan, líder da banda The Pogues, faleceu aos 65 anos de idade en Dublín, segundo anunciou este xoves a súa esposa, Victoria Mary Clarke nas redes sociais.

"Vivirás no meu corazón para sempre. Roxe no xardín mollado pola choiva que tanto amabas. Significaches todo para min", escribiu Clarke no comunicado, poucos días despois de que McGowan recibise o alta hospitalaria tras permanecer durante varios meses ingresado nun hospital de Dublín.

"Non hai maneira de describir a perda que sinto e o anhelo dunha soa dos seus sorrisos que iluminaron o meu mundo. Grazas, grazas, grazas, grazas pola túa presenza neste mundo que fixeches máis brillante", expresou a súa esposa, con quen residía na capital irlandesa.

Os perfís oficiais de The Pogues, a banda pola que pasará á historia, tamén se fixeron eco do seu pasamento.

McGowan, de orixe irlandesa pero emigrado a Inglaterra cando era aínda moi novo, non tiña unha voz particularmente bonita, pero o seu talento como poeta e compositor permitiulle asinar un feixe de cancións formidables. Saltou á fama como líder de The Pogues a mediados da década dos 80. Os seus éxitos musicais sempre foron da man dos seus excesos do alcol e as drogas, en xiras interminables que acabaron por pasarlle factura, ata que abandonou o grupo en 2001.

 

Comezou daquela unha carreira en solitario que o levou a colaborar con outros artistas irlandeses e internacionais, así como a formar un novo proxecto, The Popes (cos que actuou na Coruña no verán de 2002), aínda que acabou reicorporándose aos seus queridos Pogues algúns anos despois.

Shane MacGowan nunha foto de arquivo (Twitter) Shane MacGowan nunha foto de arquivo (Twitter)

A súa saúde, con todo, comezou a deteriorarse seriamente en 2010, e a partir de entón viuse obrigado a abandonar os escenarios, ata quedar confinado nos últimos tempos a unha cadeira de rodas.

Cando fixo 60 anos, o presidente irlandés, Michael D. Higgins, condecorouno pola súa traxectoria profesional, na que destacou non só como cantante, senón tamén como músico, compositor e poeta.

MacGowan faría 66 anos o próximo día de Nadal, nun período festivo en que volverá soar este ano con máis significado o seu mítico tema Fairy Talle of New York.

 

Atrás deixa outro puñado de cancións memorables, como Fiesta, Streams of Whiskey, Sally MacLenanne ou Rainy Night in Soho, así como versións do folk tradicional irlandés interpretadas coa súa característica actitude punk.

"Shane, quen sempre será a luz que teño diante de min, a medida dos meus soños, o amor da miña vida, a alma máis pura, o anxo máis fermoso, o sol e a lúa, o comezo e o final de todo o que aprecio, marchou para estar con Xesús e María, e coa súa fermosa nai Teresa", escribiu a súa esposa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade