Moitos trens entre Galicia e Madrid para Nadal están completos
En datas clave, os prezos da ida e da volta achéganse aos 300 euros
Moitos dos trens que parten de Madrid con destino a Galicia xa colgan o cartel de completo para a fin de semana de Nadal. A este paso so conseguirán billete os máis previsores.
"Estaba pendente, a ver de cando saír e sobre todo de cando volver e entón aínda non teño nada mirado"; "Eu por exemplo de Nadal, penso que despois desta ponte, para a semana xa o collerei máis ou menos"; "Xa o ano pasado me pasou. A idea era viaxar o venres 23 e pois por tema meu de tardar moito, Renfe estaba todo o ocupado, tiven que viaxar o sábado 24, en plena véspera, pero ben si que nas vindeiras semanas teño xa que deixalo listo e arranxado", contan algúns pasaxeiros.
Aumenta a demanda de usuarios de tren e tamén o prezo. O billete máis barato se o mercamos hoxe para o venres 22 de decembro dende Madrid a Santiago custa xa 84 euros. O máis caro está en 161. Iso, a ida, porque se lle sumamos a volta, achégase case aos 300.
"Se é ata 300 euros non, si é moito. Por exemplo hoxe mesmo tamén imos a Madrid ver uns familiares e ida e volta marchando hoxe que é mércores e volvendo o sábado, 120 euros", comenta un dos viaxeiros.
A maioría xa ten asumido que no Nadal non queda outra que rascar un pouco máis o peto.