Medra a indignación no Celta polas decisións arbitrais

Ante o Sevilla, Hernández Hernández pitou un penalti de Jesús Navas sobre Douvikas e despois rectificou a decisión

Foto EFE
G24.gal 06/11/2023 16:03 Última actualización 06/11/2023 16:16

A indignación desbordouse en Vigo polo que se consideran decisións arbitrais moi negativas para o Celta ao longo da presente tempada. Representantes do club galego reuníronse hai dúas semanas con Luis Medina Cantalejo, máximo responsable do Comité Técnico de Árbitros (CTA), coa intención de que explicase varias xogadas polémicas nas que, segundo o Celta, fora claramente prexudicado.

Tras a entrevista, en Vigo sentiron que a Medina Cantalejo non lle gustou que lle pedisen aclaracións, a pesar de facelo respectuosamente, e temeron que a situación cos árbitros podería mesmo empeorar. Só dous días despois, Díaz de Mera anulou de forma sorprendente un gol de Luca da Torre en Xirona, sen que interviñese o VAR.

O club protestou publicamente e a Federación de Peñas do Celta convocou unha manifestación contra o colectivo arbitral para o encontro ante o Sevilla. A resposta do CTA foi designar para o VAR a Prieto Iglesias, precisamente o árbitro do que máis se queixou o Celta na súa reunión con Medina Cantalejo, por anular dous goles ao seu equipo en decisións moi polémicas.

O técnico Rafa Benítez non ocultou o seu asombro coa elección de Prieto Iglesias. O pasado sábado, con empate (1-1) no Celta-Sevilla no minuto 96, o árbitro Hernández Hernández pitou un penalti de Jesús Navas sobre o dianteiro local Douvikas.

Con todo, desde o VAR chamáronlle ao colexiado, que rectificou e non concedeu a pena máxima.

Indignados, desesperados, irónicos... Cada xogador ou adestrador do Celta intentou asumir unha situación anómala do mellor xeito posible logo de ver como, unha xornada máis, o VAR se convertía en xuíz protagonista do seu partido cunha decisión moi controvertida: 

Aspas: "Cando queremos sacar a cabeza afúndennos máis".

Benítez: "Hai penalti e xa está, todo o demais é o que xeramos no fútbol moderno, e estamos indo cara atrás".

Iago Aspas, capitán do Celta, lanzou ao chan o monitor onde o árbitro ve as repeticións de xogadas. O dianteiro desculpouse despois:

"Non debería canalizar a miña frustración dese xeito".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar