Mariluz Losada: "A pesar dos medios, moitas mulleres séntense desprotexidas"

Son máis de 400 as mulleres de Galicia que reciben axuda tras seren vítimas de violencia de xénero

No Programa de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero colaboran a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

G24.gal 25/11/2023 14:48 Última actualización 25/11/2023 18:42

Máis de 400 mulleres de media ao ano en Galicia reciben axuda no programa de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, nel colaboran a Secretaría Xeral de Igualdade e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Neste programa ofrécese apoio e asesoramento para que esas mulleres poidan facer fronte á situación de maltrato físico ou psicolóxico que sofren por parte das súas parellas ou exparellas.

"Evidentemente moitas destas mulleres teñen afectada a súa autoestima, teñen dúbidas sobre as súas capacidades laborais. Moitas delas incluso se viron obrigadas a deixar de traballar e evidentemente é necesario volver incorporarse a unha vida laboral normalizada e en moitos casos volver contactar coas súas familias ou amigos", di María Luz Losada Somoza, coordinadora do programa de atención a vítimas de violencia de xénero.

As vítimas de violencia machista reciben unha atención rápida e de balde por parte dunha rede de profesionais que traballan neste programa e en coordinación con outros dispositivos, como son os centros de información á muller, que ás veces se están a ver desbordados.

"Hai recursos pero, unha vez que te metes a intentar axudar, dáste de conta de que sempre son necesarias máis cousa, máis medios. Nestes centros de información á muller teñen ademais de psicólogos e psicólogas, traballadoras sociais ou avogadas que poden darlles tamén unha atención máis integral", engade.

A pesar dos medios dispostos polas Administracións públicas moitas mulleres seguen a sentirse desprotexidas...

"... Porque non lles concederon as ordes de protección ou ben porque non poden demostrar os feitos, porque non sempre é sinxelo de demostrar, pois segue habendo moitas necesidades non cubertas", asevera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade