Máis de 500 profesionais encóntranse na Coruña nun congreso científico sobre a investigación contra o cancro

Din os expertos que o 55 % dos tumores malignos ten cura

G24.gal 13/11/2023 20:22 Última actualización 13/11/2023 20:40

A loita contra o cancro desenvólvese en varias frontes simultáneas. José Tubío, investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas de Santiago, cita tres vías: os tratamentos oncolóxicos, a detección precoz e a prevención.

"Se a poboación de súpeto deixase de fumar podería reducirse nun 30 % a frecuencia de determinados tumores", engade José Tubío.

En relación cos tratamentos, nos últimos anos houbo grandes avances en terapias xenéticas ou do sistema inmune. Pero os expertos insisten: na actualidade o 55 % dos tumores malignos teñen cura. Para chegar ao 70 % de supervivencia sería preciso duplicar o investimento en investigación.

"En ASEICA reclamamos tamén unha lei de mecenado para que se incentive as compañías e as entidades privadas para que participen, porque ao final un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres van desenvolver cancro ao longo da súa vida", incide Marisol Soengas, presidenta da Asociación Española de Investigación contra o Cancro e investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas e experta en melanoma.

Esta xornada divulgativa foi unha das actividades previas ao congreso que a partir deste martes e ata o xoves reunirá no recinto feiral de Expocoruña máis de 500 profesionais do eido científico, entre eles, algunhas das voces autorizadas referentes nacionais e internacionais na investigación e loita contra o cancro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade