Israel intensifica os ataques en Gaza onde seguen aumentando as vítimas civís
O ataque aéreo a un hospital e unha escola no campo de refuxiados de Xabalia deixa 15 vítimas mortais
Continúan os ataques israelís sobre obxectivos civís con ducias de vítimas mortais. Este sábado amenceu cun bombardeo a unha escola da ONU onde se refuxiaban milleiros de palestinos desprazados.
Segundo a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados, un mísil caeu no patio onde había tendas de campaña e outro no interior, onde cociñaban as mulleres. Morreron quince persoas. Esta é a quinta escola da ONU danada polos bombardeos e a poboación pide unha tregua.
Fontes da media lúa vermella exipcia aseguran que Hamas tería parado a evacuación de feridos e extranxeiros de Gaza ata que non se asegure unha ruta segura para as ambulancias e se evacúen antes os feridos.
Evacuación parada
O exército israelí continúa a adentrarse na cidade de Gaza, din que xa acabaron con 12 dos comandantes de Hamas, ademais hoxe por primeira vez entraron tamén no sur da franxa, pero volveron saír despois de facer traballos de intelixencia.
O exército israelí anunciou que permitiría o paso por unha das estradas principais do norte durante unhas horas para que a poboación fuxa da zona de incursión terrestre pero non hai combustible para os coches e os mísiles seguen caendo tamén no resto da Faixa, onde a poboación e os servizos de rescate remexen entre os cascallos despois de cada explosión.
Os ministros de Exteriores de seis países árabes que se reuniron este sábado co secretario de Estado estadounidense pedíronlle un cesamento inmediato da ofensiva israelí e consideraron inaceptable xustificar e cualificar como "autodefensa" esta guerra despois de que Blinken así o admitira, pedindo, con todo, "a protección dos civís".
"Cremos que as pausas humanitarias poden ser mecanismos críticos para protexer os civís, facer entrar axuda e sacar a cidadanía estranxeira e ao mesmo tempo permitir que Israel logre os seus obxectivos de derrotar a Hamas", dixo.
O conflito deixa, polo momento, máis de 9.488 persoas falecidas na franxa de Gaza, a maioría civís, e 24.158 feridas. En chan israelí, rexistráronse 1.400 vítimas mortais.