Israel bombardea un convoi de ambulancias da Media Lúa Vermella palestina
Israel bombardea un convoi de ambulancias da Media Lúa Vermella palestina
Hamas di que hai ducias de falecidos e feridos
Netanyahu descarta un cesamento do fogo e pausas humanitarias se Hamas non libera os reféns
Non hai cifras exactas de falecidos ou feridos, pero a Media Lúa Vermella confirma que un convoi das súas ambulancias foi atacado cando saída con feridos do hospital Al Shifa de Gaza, o máis grande da cidade. Israel recoñece que bombardeou un dos vehículos, e di que o fixo porque Hamas o utilizaba para transportar armas e milicianos.
O exército israelí asedia a Franxa por terra e por aire
Os bombardeos son continuos e as tropas a pé adéntranse, non sen dificultade, na cidade de Gaza, onde atoparon xa varias entradas desa rede de túneles subterráneos que hai por toda a Franxa, e que son a principal baza defensiva de Hamas.
Como fai case a diario, o primeiro ministro israelí reiterou que os ataques non van parar ata que Hamas libere os reféns. Conta co apoio do seu principal aliado, os Estados Unidos. Así llo transmitiu o secretario de Estado norteamericano, que lle recoñece o dereito a defenderse pero que lle pide tamén pausas humanitarias para protexer os civís palestinos.
Nun discurso do que estaba pendente medio mundo, o líder da milicia libanesa Hizbula culpou tanto a Israel coma aos Estados Unidos da guerra. E se ben se desvinculou do ataque de Hamas, non descartou entrar no conflito se persisten os ataques. "Estamos preparados para todas as posibilidades" dixo, aludindo á temida escalada rexional do conflito.
A atención estivo este venres tamén nos pasos fronteirizos. No de Rafah porque seguiron saíndo estranxeiros de Gaza. E no de Kerem Shalom, porque por aquí entraron uns 700 palestinos á Franxa que traballaban en Israel. Netanyhau ordenou expulsalos do país porque di que quere cortar toda relación con Gaza.