Gaza: máis de 10.000 mortos en 30 días de conflito

As autoridades de Gaza din que o 40 % dos falecidos son nenos

As tropas terrestres israelís esperan entrar na cidade de Gaza nun prazo de 24 horas

G24.gal 06/11/2023 20:41 Última actualización 06/11/2023 21:21

O exército de Israel chama a poboación civil da franxa a desprazarse cara ao sur, ante a inminente entrada das tropas na cidade de Gaza. Pretenden facer a operación nun prazo de 24 horas, xusto cando se cumpra un mes do ataque de Hamas. Israel anuncia que ten identificadas as entradas aos túneles subterráneos desde os que cre que opera a milicia palestina e que o obxectivo é destruílos por completo.

Axúdase tamén da aviación, que bombardea sen descanso obxectivos de Hamas por toda a franxa, con consecuencias devastadoras para a poboación civil. Estas imaxes son do campo de refuxiados de Al-Magazhi, atacado este luns. 

O Ministerio de Sanidade de Gaza di que a cifra de falecidos desde o inicio do conflito supera os 10.000, dos que 4.000 son nenos.

As principais axencias de Nacións Unidas pediron este luns de maneira conxunta un alto ao fogo humanitario, que Israel descarta ata que Hamas libere os reféns secuestrados. A ONU anuncia un fondo de 1.200 millóns de dólares para axudar os palestinos. E a Unión Europea unha axuda adicional de 25 millóns para Gaza.

A violencia traspasa as fronteiras.  O brazo armado de Hamas lanzou máis de trinta proxectís contra territorio israelí. E Israel matou nas últimas horas catro membros da milicia palestina en Cisxordania.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade