Galicia, de turismo tamén en outono
Galicia, de turismo tamén en outono
Os dez mil bonos turísticos con desconto que se ofertaron esgótaronse en poucos minutos
Unha visita á Devesa da Rogueira, no Courel, un dos bosques máis enxebres do noroeste peninsular; unha viaxe pola historia do medievo, en Sobrado dos Monxes, ou unha aventura polas augas do Barqueiro, onde o mar Cantábrico fai acto de presenza. Son algúns dos milleiros de posibilidades que o bono turístico que se ofertaba onte proporcionará aos afortunados que o conseguiron.
"A xente quere coñecer Galicia e gozar da nosa comunidade, e cunha oferta do corenta por cento aboado pola Xunta é moi atractivo para gozar de Galicia tamén en tempada baixa", asegura José Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia.
Onte ofertáronse dez mil bonos cun desconto por valor de cen euros cada un e esgotáronse en apenas vinte minutos. Os bonos pretenden desestacionalizar o turismo fóra da temporada alta e tamén, por que non?, ofertar novos destinos ademais dos máis consolidados, como o camiño de Santiago, que este ano está a dez mil peregrinos de fulminar todos os rexistros de visitantes.
"Estamos medrando entre un cinco por cento en visitantes e un seis por cento en noites de hotel, en relación aos nove primeiros meses do ano pasado, que foi ano en que máis turistas se rexistraron en Galicia", cuantifica o director de Turismo de Galicia.
Segundo a Xunta, esta campaña custou un millón de euros e pretende mobilizar ata case dous millóns máis no sector. Os bonos poderán gozarse ata decembro nos establecementos asociados, un xeito de facer de Galicia un reclamo para os viaxeiros todo o ano.