Falece o pintor e escultor vasco Agustín Ibarrola aos 93 anos
Falece o pintor e escultor vasco Agustín Ibarrola aos 93 anos
Ibarrola, nacido en Basauri en 1930, destacou dentro da vangarda vasca dos anos 50 do século XX, cando fundou o grupo Equipo 57

O pintor e escultor biscaíño Agustín Ibarrola faleceu aos 93 anos no hospital de Galdakao (Biscaia). Ibarrola, nacido en Basauri en 1930, destacou dentro da vangarda vasca dos anos 50 do século XX, cando fundou o grupo Equipo 57, e tivo un forte compromiso político que lle levou a ser encarcerado polo franquismo en dous períodos e despois a sufrir os ataques vandálicos contra as súas obras polo seu activismo contra ETA.
Entre as súas creacións destaca o Bosque de Oma, unha intervención pictórica sobre os piñeiros dun bosque próximo ao seu caserío, que foi reaberta fai menos dun mes tras unha restauración liderada polo seu fillo José, a Universidade do País Vasco e a Deputación de Biscaia. En política, militou no PCE durante o franquismo e despois foi un dos fundadores do Foro de Ermua e ¡Basta Ya!; apoiou a Rosa Díez cando fundou UPyD.
O artista levaba anos afastado da escena pública debido á enfermidade, e a súa morte aos 93 anos non sorprendeu os seus fillos, segundo declarou José Ibarrola. A capela ardente de Agustín Ibarrola instalarase mañá nun tanatorio de Bilbao, onde non só recibirá a despedida do mundo artístico, senón tamén do político.
De feito, durante a mañá numerosos dirixentes políticos mostraron xa as súas condolencias polo falecemento de Ibarrola, especialmente desde os partidos vascos non nacionalistas. Ibarrola tamén é o creador do logotipo do sindicato Comisións Obreiras, co que estivo implicado desde a ditadura franquista.
