Douvikas aproveita o torneo copeiro para reivindicarse diante de Benítez

O dianteiro grego marcou os dous goles no triunfo contra o Sestao (1-2)

O Celta volveu a espertar dúbidas e gañou cun penalti rigoroso

G24.gal 07/12/2023 22:45

O Celta pasou a segunda eliminatoria da Copa grazas ao acerto do grego Thasos Douvikas, dos poucos que aproveitou a cita para reivindicarse diante de Rafa Benítez. Marcou os dous goles e demostrou o olfacto que ten cara á porta contraria. 

Nun campo moi enlamado os mellores minutos que xogou o cadro celeste foron os primeiros vinte. Williot, Cervi, Miguel... Todos se movían con velocidade en ataque e xeraban ocasións diante da porta do Sestao. No 18 marcou Douvikas resolvendo diante do porteiro local e parecía que o Celta ía resolver dun xeito cómodo.

Pero co gol relaxouse o equipo galego e deixou de ser tan ambicioso. O partido moveuse entre un Celta que non quería e un Sestao que podía moi pouco polas súas limitacións técnicas. Só con balóns pendurados sobre a área xeraba perigo o equipo vasco. O Celta estaba durmido cando no minuto 73 Jon Cabo aproveitou un dos centros á área para acadar o empate. 

Espertaron os de Benítez dun xeito inmediato e case na seguinte acción Kevin caeu na área e o colexiado asubiou un rigoroso penalti. Douvikas asumiu a responsabilidade e marcou o segundo e definitivo gol que mete o Celta na terceira eliminatoria. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar