O Deportivo volve ás andadas en Riazor (1-1)

O equipo de Idiakez desaproveitou os erros dos equipos que están na zona alta e non pasou do empate ante o filial do Osasuna

G24.gal 26/11/2023 21:25 Última actualización 26/11/2023 22:00

O Deportivo desaproveitou unha grande ocasión para achegarse á zona alta e empatou contra o Osasuna Promesas (1-1), decepcionando os seareiros que se achegaron a Riazor. 

Saíu o Deportivo dominando pero sen xerar perigo na área do Osasuna. Só un centro de Lucas que non atopou remate como argumento ofensivo. E nesas apareceu en ataque o equipo visitante para marcar aproveitando Ander Yoldi un rexeite curto de Germán Parreño. 

Lucas volveu tentalo de falta antes de que aparecese no partido Villares. Primeiro xerando unha acción na área en que resulta incomprensible que o árbitro non asubiase penalti. E logo conectando unha gran cabezada que entrou pola escuadra. 

A segunda parte seguiu na mesma liña. O Deportivo dominando pero incapaz de xerar oportunidades claras. Tivo que botar man Idiakez de Yeremay, mancado hai tres meses no partido contra o Lugo, pero a este conxunto coruñés cústalle moito xerar ocasións na porta contraria. 

A mellor dentro do abafo final foi para o lateral París Adot, pero o seu remate foi rexeitado polo porteiro navarro.

Unha nova decepción para a bancada, que desespera co rendemento do seu equipo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos