Avogados e procuradores de oficio paran indefinidamente reclamando melloras laborais

Os profesionais da xudicatura denuncian que cobran compensacións ridículas polo seu traballo e reclaman que se lles recoñeza a cotización do tempo empregado na defensa de oficio

G24.gal 21/11/2023 09:14 Última actualización 21/11/2023 14:53

Os avogados e procuradores da quenda de oficio inician hoxe un paro indefinido en demanda de melloras laborais. Reclaman un pagamento xusto polos seus servizos e denuncian que as compensacións que reciben son ridículas.

A avogada Paula Táboas, membro da plataforma Marea Negra Xurídica, asegura que cobran "20 euros por estar dez horas mentres se fai un recoñecemento xudicial para ver se hai probas dun delito".

Apunta tamén que non lles cobren os gastos de desprazamento cando os xuízos son noutras cidades.

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Táboas reclamou tamén que se lles recoñezan as horas cotizadas nesas actuacións de oficio e que se regule dalgunha maneira a relación "especial" que teñen co Estado, que é quen garante o dereito da cidadanía a ter unha defensa.

Precisamente, o Ministerio de Xustiza sinala que non teñen dereito á folga porque non son asalariados e algúns Colexios Profesionais ameazaron con sancións aos avogados e procuradores que paren desde hoxe. Para Táboas, a ameaza é un brinde ao sol que non ten fundamento.

A folga desde hoxe convértese en indefinida. Afirman que a van manter mentres as administracións implicadas, Ministerio de Xustiza e comunidades autónomas, non senten a negociar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade