As confrarías advirten de que está en perigo a campaña marisqueira de Nadal e tamén as futuras

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, alerta sobre a posibilidade de que a mortaldade de marisco pola gran cantidade de auga doce nas rías comprometa as futuras campañas marisqueiras máis alá do Nadal

Nunha entrevista na Radio Galega, Pérez Sieira pídelle ao novo Goberno que escoite e defenda os intereses do sector pesqueiro galego, sobre todo en relación cos plans de implantación da eólica mariña

G24.gal 17/11/2023 10:20 Última actualización 17/11/2023 11:43

O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, advirte de que a gran cantidade de auga doce que hai nas rías despois de tantos días de chuvia ameaza non só á cantidade de marisco que se poida vender no Nadal, senón que compromete futuras campañas, "porque está morrendo toda a cría tamén", explicou nunha entrevista no programa Galicia por diante da Radio Galega.

Pérez Sieira sinala que a baixa salinidade das augas é común a practicamente todas as rías e que o marisco que está chegando a terra vén xa moi debilitado.

"O problema é que ese marisco, coa cantidade de auga doce que temos agora, cos baixos índices de salinidade, vai morrer. O marisco queda moi debilitado pola auga doce e é moi difícil que sobreviva nos próximos días", explicou.

Unha situación que afecta tanto aos moluscos como aos crustáceos. 

"Agora mesmo está morrendo moitísima centola en plena campaña. Está chegando marisco a terra xa moi tocado pola gran cantidade de auga doce que hai no mar".

Mariscadoras e mariñeiros agardan para que mude o vento e bote fóra das rías o exceso de auga doce.

Miles de traballadores e traballadoras do mar ven como o froito do seu labor estase botando a perder. Unha situación que se suma aos problemas derivados do cambio climático. 

"Hai moitas cousas que non entendemos. Temos bancos marisqueiros que teñen bo substrato, que están perfectamente para que sexan produtivos, pero sementamos e ese produto non sae adiante. O cambio climático está aí; iso é evidente. Non é normal que este ano tivésemos temperaturas da auga de preto de 26 graos", cre o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Pérez Sieira pídelle ao novo Goberno español que escoite e defenda os intereses do sector pesqueiro galego. Lembrou a loita do sector galego da pesca contra o deseño do Ministerio de Transición Ecolóxica das zonas para a implantación da eólica mariña e vaticinou que seguir adiante con esta proposta significaría a desaparición do sector pesqueiro en Galicia.   

"Estivemos colaborando, dando datos, para que non se colocaran as zonas para a eólica mariña onde se colocaron e ao final non nos fixeron caso de nada. Temos unha loita moi grande. Sabemos que se iso vai adiante e parece que a idea que teñen é seguir na mesma tesitura, iso vai ser prexudicial para Galicia. Non soamente para a pesca". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade