A chuvia bota a perder boa parte da colleita de inverno nas hortas galegas

A terra non dá absorbido máis auga e están a podrecer os cultivos, que ademais precisan de temperaturas máis baixas

G24.gal 14/11/2023 16:10

A cantidade de auga que está a caer sen pausa nas últimas semanas é excesiva. A terra non dá drenado o que chove e iso está a arruinar a colleita de nabizas, leitugas e coliflores.

Medio metro de altura acadou a auga nun dos invernadoiros que Alberto Amil ten no Salnés. Unha auténtica lagoa que mata a leituga que plantou en setembro e que ía recoller dentro duns días. "Así vista de lonxe parece unha cousa, pero cando vas abrindo está chea de lama", explica. 

Corenta e catro mil pés botados a perder, catro mil metros cadrados de colleita totalmente estragados. "Eu teño un cen por cento de perdas, aínda que se vexa verde está todo estragado", explica Alberto que pertence a unha cooperativa onde, con algo máis de sorte, as perdas alcanzan o cincuenta por cento da produción.

Auga e calor, que afecta tamén á calidade do produto, tanto baixo plástico como ao aire libre. "Coas temperaturas que estamos tendo, altas, son leitugas de inverno non collen o peso", explica Neida Vila, técnica de Horsal.

"Non hai nabizas, as coliflores queimáronse un pouquiño, o repolo está rebentado. Vai ser un ano complicado para o nadal. Non vai haber moito produto galego", di Gustouvo Souto de Ecohorta Millarada.

As chuvias non dan tregua e a terra non dá drenado a tempo para unha nova colleita e ademais dos cultivos, os agricultores deben facer fronte tamén aos danos ocasionados nas instalacións. Toca agora pelexar cos seguros para non perder tampouco unha mínima indemnización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos