Achan o corpo sen vida dun home nun edificio de alugueiro ilegal en Vigo
Achan o corpo sen vida dun home nun edificio de alugueiro ilegal en Vigo
O varón de 56 anos foi atopado nos baños dun inmoble da rúa Fisterra 13
O edificio está pendente de desaloxo dende hai unhas semanas
Este mércores foi achado o cadáver dun varón de 56 anos no inmoble da rúa Fisterra 13 en Vigo. O edificio, xunto co número 11 desta mesma rúa, teñen orde de desaloxo dende o pasado 19 de outubro por funcionar como pensión ilegal, xa que non contan cunha licenza municipal. Esta ordenanza chegou unha semana despois de que se producira un incendio nun edificio ocupado da rúa Afonso X O Sabio, que acabou coa vida dunha nai e tres dos seus fillos, deixando tamén nove persoas hospitalizadas.
A Policía Local localizou o home grazas a un aviso sobre as oito da mañá do compañeiro de piso, quen alertou de que percibía un forte cheiro de dentro da habitación do varón. Polo momento descoñécense as causas da súa morte, aínda que os veciños sinalan que o home levaba semanas enfermo e "con mala cara" pero non quixo asistir a un centro de saúde. Tamén indicaron que se dedicaba a pedir esmolas polas rúas da cidade e que era natural de Madrid.
A veciñanza deste barrio vigués lamenta a situación "invivible" que están a sufrir no interior dos edificios desaloxados, onde había ratas, cascudas ou chinches. Os veciños critican a falta de accións por parte do Concello de Vigo e en concreto ao alcalde, Abel Caballero, xa que as propostas de traslados a hoteis ou hostais lles parecen insuficientes: "Para as luces está, pero para isto non está. Por que non dá a cara? Aquí hai moitas familias e estamos na rúa".
Dende o Concello afirman que o desaloxo de ambos edificios é necesario pola existencia dun cadro eléctrico en mal estado que podería desencadear nun incendio. Tras esta orde, varios inquilinos abandonaron o edificio mentres que outros decidiron quedar no interior de ambos inmobles, aínda que finalmente este mércores produciuse o desaloxo das vivendas pola Policía Local tras recibir a autorización xudicial
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexa, lamenta a aparición dunha persoa empobrecida máis falecida en Vigo: "Cantas persoas máis teñen que malmorrer na mellor cidade para vivir para que a Xunta e o Concello actúen", denunciaba o nacionalista, que comentou a necesidade urxente de despregar unha "enérxica" política de vivenda pública e de atención social fronte a situacións de vulnerabilidade.
A concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, destaca o gran labor levado a cabo polas concellerías de Seguridade, Urbanismo e Política Social poñendo a disposición aloxamentos alternativos para os 46 desaloxados dos inmobles.
Aguiar reivindicou que "o traballo social non acaba aquí", senón que o Concello está implicado na procura de solucións de vivenda definitivas para estas persoas, polo que tamén se financiarán as primeiras mensualidades cando se atopen pisos en que poder residir.