A lei de amnistía bota a andar no Congreso ao ser admitida para o seu debate en pleno
A lei de amnistía bota a andar no Congreso ao ser admitida para o seu debate en pleno
A Mesa da Cámara Baixa, con maioría do PSOE e Sumar e en contra do PP, cualificou de forma favorable a proposición de lei
O novo secretario xeral, Fernando Galindo, non ve elementos de inconstitucionalidade "manifestos e evidentes"
A proposición de lei da amnistía do procés comezou a súa andaina este martes no Congreso despois de que a Mesa da Cámara admitise a trámite esta iniciativa que podería ser debatida no pleno para mediados de decembro.
A Mesa da Cámara Baixa, con maioría do PSOE e Sumar e en contra do PP, cualificou de forma favorable a lei de amnistía tras o informe dos letrados, dirixidos polo novo secretario xeral, Fernando Galindo, que non ve elementos de inconstitucionalidade "manifestos e evidentes" e avoga por que a Mesa non coarte o debate de calquera iniciativa que cumpra cos criterios requiridos.
Os letrados sinalan que "non parece existir na Constitución nin na xurisprudencia constitucional elementos suficientes" para determinar se se produce unha contradición da proposición de lei da amnistía coa carta magna e consideran que non hai incumprimentos que se deriven dunha "lectura directa de ningún precepto" da Constitución.
O informe xurídico que hoxe tratou a Mesa tamén ve diferenzas coa proposición de lei da amnistía que foi rexeita en 2021 por considerar que encubría un indulto xeral.
Argumentan que a diferenza está en que aquela iniciativa non incluía unha disposición que individualizase as causas abertas identificándoas dunha maneira concreta e específica, como si ocorre coa proposición de lei actual.
Rexeitada a recusación do PP ao letrado maior
Ademais, a Mesa analizou a recusación que rexistrou onte o grupo parlamentario do PP para que o letrado maior, Fernando Galindo, se abstivese de asinar o informe xurídico desta proposición de lei ao formar parte do Ministerio de Política Territorial recentemente e por unha posible vulneración dos "principios legais de imparcialidade e obxectividade" que recolle a lei do réxime xurídico do sector público.
O PP tentou paralizar a tramitación da proposición de lei pero finalmente non prosperou a recusación tras producirse momentos de tensión. Fontes da Mesa sinalaron que non había lugar para unha recusación de tanto relevo "por motivos non certos" e a presidenta, Francina Armengol, explicou aos deputados do PP que non lles correspondía presentar algo así.
Os seguintes pasos no Congreso
Unha vez que a amnistía bota a andar no Congreso, o seu próximo paso é a toma en consideración no pleno da Cámara, onde ademais debe votarse a petición de que se tramite polo procedemento de urxencia para acurtar os prazos.
Este xoves reunirase a Xunta de Portavoces para ordenar un pleno que terá lugar a próxima semana, o 28 de novembro, aínda que en principio o único punto do día sería a aprobación da reforma do artigo 46 do regulamento do Congreso que debe adaptar os nomes das comisións parlamentarias aos dos novos ministerios.
Parece bastante improbable que a proposición de lei da amnistía poida tomarse en consideración ese día, tendo en conta que tamén hai outro pleno posible, o do 5 de decembro, un día antes da conmemoración do Día da Constitución. Nesa sesión plenaria comparecerá o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, que dará conta da situación en Oriente Próximo coa guerra de Israel en Gaza.
A Xunta de Portavoces volverá reunirse a próxima semana para ordenar os puntos para tratar ese día e podería incluír o da toma en consideración da proposición de lei da amnistía. Con todo, todo parece indicar que esta lei estará dentro do calendario ordinario de plenos que aprobou a Mesa do Congreso e que comezarán o 12 de decembro.