Un home mata á súa muller en Sigüeiro cunha arma branca e logo suicidase

Os investigadores comprobaron que non había signos da presenza de terceiras persoas no domicilio

A garda civil confirma que se trata dun crime machista, o terceiro no que vai de ano en Galicia

O Concello de Oroso convoca un minuto de silencio este sábado ás 12:00 horas

A Garda Civil e os servizos de emerxencias na vivenda de Sigüeiro (EFE)
G24.gal 01/12/2023 17:11 Última actualización 01/12/2023 20:42

A investigación da Garda Civil sobre a morte de dous anciáns en Sigüeiro, no concello coruñés de Oroso, sinalou que se trata dun caso de violencia de xénero no que posteriormente se suicidou o home.

Os cadáveres pertencen a un home de 88 anos e unha muller de 80, ela con mobilidade reducida dende hai anos. Segundo indica a Garda Civil, sobre as 11:30 horas deste venres recibiu unha chamada do servizo de emerxencias 112, en que os alertaba da aparición de dous cadáveres nun piso, situado na rúa Castaños

Foi a nora de ambos, que ía atendelos a diario, quen atopou os cadáveres con claros signos de violencia, pois tiñan feridas de arma branca. Os investigadores comprobaron que non había signos da presenza de terceiras persoas no domicilio nin de que forzase ningún dos accesos.

O 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico cun equipo de Atención Primaria ao lugar, pero os profesionais sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento das dúas persoas.

A principal hipótese pasou a ser a violencia de xénero, que quedou como única liña de investigación tras o levantamento dos cadáveres e o seu primeiro exame. A Garda Civil apunta a que o home matou a muller nas últimas horas cunha arma branca e posteriormente suicidouse.

O Concello de Oroso convocou para este sábado un minuto de silencio tras o crime machista rexistrado este venres en Sigüeiro. O minuto de silencio terá lugar ás 12:00 horas ante o Consistorio, na praza Isaac Díaz Pardo.

Terceiro crime machista no que vai de ano

O crime machista de Sigüeiro, pasa a engrosar as estatísticas destes casos, que segundo a lista oficial do Goberno, sería o terceiro neste 2023 a falta dun mes para que finalice o ano.

As estatísticas oficiais tamén recollen como violencia machista o caso rexistrado en febreiro en Baiona (Pontevedra), onde un home asasinou á súa exmuller en presenza dos seus dous fillos. Así mesmo, en xuño deste ano un garda civil matou a tiros ao seu exparella nun cámping de Oia e despois suicidouse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade