A Arxentina, ante dous modelos de país

Preto de 36 millóns de arxentinos elixen presidente este domingo

O peronista Massa e o ultradereitista Milei chegan igualados á segunda volta

G24.gal 18/11/2023 13:48 Última actualización 19/11/2023 10:10

Uns 35 millóns 800 mil arxentinos están convocados a elixir este domingo o seu presidente para os próximos catro anos.

Os candidatos, o peronista e actual ministro de Economía, Sergio Massa, e o ultradereitista Javier Milei, confrontan dous modelos de país pero chegan a esta segunda volta dos comicios igualados nas enquisas.

"Non hai unha definición por un ou por outro. Hai que esperar ata o final", resume un cidadán.

A situación económica, con preto dun 140 % de inflación interanual e catro de cada dez arxentinos baixo o limiar da pobreza, mobiliza os que se decantan polo cambio.

"Vou a votar a Milei. Non estou de acordo con todas as súas políticas sociais pero si coa maioría das económicas", expón unha moza.

"Caeunos o salario, o poder adquisitivo, caeunos todo. Desde que está Massa, estamos cada vez peor", asevera un home.

Pero Massa xa logrou, contra prognósticos, quedar á cabeza na primeira volta, e os receos que esperta a figura de Milei xogan ao seu favor.

"Milei remite a experiencias como a do Brasil ou mesmo a Trump nos Estados Unidos, que estiveron no bordo do democrático", opina un cidadán.

"O meu voto é por Sergio Massa porque, dos dous modelos que están en discusión, é o que me garante basicamente seguir con vida e que non volva a ditadura cívico-militar", afirma outro.

A formación ultradereitista de Milei enturbou as horas previas á votación lanzando sospeitas, sen probas, de fraude electoral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos