O Celta Fortuna derrota un Sabadell que acabou con 9 e volve ao liderado

Os de Claudio Giráldez venceron 4-2 con dous penaltis

Marcaron Alfon (2), Damián e Raúl Blanco

G24.gal 28/10/2023 18:43

O Celta Fortuna gaña en calquera contexto. Agora tocou en Barreiro e nun encontro pasado por auga. Foi superior a un Sabadell voluntarioso e contou ademais con decisións arbitrais favorables. A primeira, á media hora, cun cartón vermello a Antonio Sánchez cando tentaba frear ao home do partido, Alfon. Pouco despois, un pase perigoso de Fer López golpeou aparentemente no brazo de Toni Herrero, co conseguinte penalti. Damián marcou e deu paso a un vibrante final de primeira parte.

Nos últimos partidos, o equipo de Claudio Giráldez sufra a balón parado e así chegou a igualada. Ninguén pode despexar con contundencia e Pau Resta envía á rede. Era o minuto 45 pero no engadido volveía tomar vantaxe o Celta Fortuna. Alfon recibe de Yoel Lago e supera perfectamente a pegañenta marcaxe do defensor para sorprender a Ortolá.

O Sabadell só sumou 3 dos últimos 21 puntos en xogo e, nesa posición de descenso e en inferioridade numérica, quixo tirar de orgullo. Así, Christian Herrera fixo o empate cun excelente disparo de falta directa. Gol celebrado con rabia polos cataláns.

Giráldez moveu á árbore e sacou ao campo a Pablo Durán e Raúl Blanco. Máis pólvora aínda en ataque. Asoballou a un rival que só puido parar os celestes cun novo penalti, este máis claro de Gualda sobre Rueda. Raúl Blanco converteuno no 3-2, que agora si, xa non obtivo resposta por parte do Sabadell. De feito recibiu un máis, o mellor da tarde. Marcouno Alfon nunha fantástica acción individual. El foi o home do partido, desta cuarta vitoria seguida dun Celta Fortuna que xa é o líder provisional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos