A Xunta mantén a gratuidade do transporte interurbano para menores de 21 anos en 2024
A conselleira de Infraestruturas destaca a aposta do Goberno galego cun investimento de cen millóns de euros ao ano no transporte interurbano
O número de pasaxeiros dos autobuses interurbanos incrementouse un 21% no último ano na área metropolitana de Ourense. "É unha comodidade, porque eu non conduzo". "A min tamén me gusta viaxar en tren, pero o autobús cólloo na porta da casa", sinalan dúas usuarias.
A accesibilidade e o aforro, pola redución das tarifas, son os argumentos principais dos usuarios. Os menores de 21 poden viaxar de balde e, a partir de xaneiro, tamén os maiores de 65.
A conselleira de Infraestruturas, que fixo en Ourense balance do Plan de Transporte, destacou que o 9 0% dos galegos están a menos de 500 metros dunha parada de autobús e que os servizos aumentaron preto do 40 %.
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade: "É unha aposta que se reflicte nos investimentos: cen millóns de euros ao ano para que Galicia conte cun transporte público interurbano de calidade".
Ethel Vázquez lamentou os atrasos das obras na parte ferroviaria da intermodal de Ourense.