Zelenski di que a fin da guerra en Ucraína requirirá da diplomacia
Considera un triunfo para Kíiv volver á liña de demarcación de antes da invasión
Tras proclamar o control total de Mariupol, coa rendición dos últimos combatentes da siderurxia de Azovstal, Rusia intensifica a batalla polo Donbás. Os soldados ucraínos aseguran que están sufrindo os ataques máis duros ata o momento. As tropas do Kremlin tratan ademais de cortar a estrada que une Donetsk e Lugansk, vital para que as defensas ucraínas reciban provisións.
Zelenski di que a vitoria se librará no campo de batalla e que será díficil e sanguenta pero que para poñerlle fin á guerra haberá que sentar a negociar. O presidente de Ucraína, que recibiu a visita do primeiro ministro portugués, afirma que vería como un triunfo volver á liña de demarcación que había antes de que Rusia os invadira, hai case tres meses.
A defensora do pobo de Ucraína denunciou que neste tempo Rusia deportou ao seu territorio de forma forzosa preto de 1.400.000 ucraínos, entre eles máis de 230.000 nenos.
Biden aprobou outro paquete de axuda militar e humanitaria a Ucraína de 40.000 millóns de dólares. Como resposta ás sancións que impuxo a Moscova, Putin prohibiulle a entrada no país a el e outros altos cargos estadounidenses. Tamén ampliou a lista de canadenses que non poden ingresar en Rusia; sumou entre outros a muller de Trudeau.
Os rusos tomaron igualmente represalias con Finlandia, que o mércores pediu o ingreso formal na OTAN. Desde este sábado non lle serven gas.