Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz do caso Plus Ultra pospón ao 17 e 18 de xuño a declaración de Zapatero

O xuíz do caso Plus Ultra pospón ao 17 e 18 de xuño a declaración de Zapatero

Faino a petición formulada pola defensa do exlíder socialista, que solicitara aprazar a súa comparecencia, prevista para o día 2 de xuño, debido á extensión da causa, á que non tivo acceso ata este luns

O xuíz ordenou á UDEF non informar os seus superiores da investigación a Zapatero

O Goberno aférrase á presunción de inocencia de Zapatero ante as peticións de eleccións anticipadas

"Plan Z?, Air Europa", as anotacións de Julio Martínez, amigo de Zapatero e tamén investigado

Arquivo/C. G./Europa Press
G24.gal 26/05/2026 12:00 Última actualización 26/05/2026 14:45

O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama aprazou aos días 17 e 18 de xuño a declaración do expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero na investigación en que o sitúa como presunto "vértice" dunha trama de tráfico de influencias en beneficio de Plus Ultra. 

Calama ditou unha providencia este martes na que atende a petición formulada pola defensa do tamén exlíder socialista, que solicitara aprazar a súa comparecencia debido á extensión da causa, á que non tivo acceso ata onte, luns.

Na resolución da pasada semana na que o xuíz destacaba o presunto "liderado" de Zapatero na suposta rede de influencias, Calama citábao como investigado para o próximo 2 de xuño, no que era a primeira vez que un xuíz acordaba investigar a un expresidente do Goberno. 

Agora, na providencia na que acepta a petición da defensa, o xuíz fixa dúas datas para a súa declaración, os días 17 e 18 de xuño ás 09:00 horas na Audiencia Nacional. 

O xuíz Calama sitúa a Zapatero á cabeza dunha presunta rede de influencias ante instancias públicas en favor de terceiros, principalmente a aeroliña Plus Ultra, e "cuxos beneficios económicos serían canalizados" cara ao expresidente e a súa "contorna máis próxima". 

Segundo a tese do xuíz, o expresidente achegaría os seus "contactos institucionais e empresariais de alto nivel" para conseguir decisións e vantaxes a favor de terceiros, a citada aeroliña. 

Arredor desta estrutura o xuíz sostén que se construíu toda unha trama de empresas -algunhas instrumentais e sen actividade real- para canalizar os supostos beneficios a través dunha simulación de servizos de asesoramento. 

Na causa, centrada nun presunto delito de tráfico de influencias, o xuíz tamén ve indicios doutros, como branqueo e organización criminal. 

Tras a súa imputación xudicial, Zapatero asegurou nun vídeo que "xamais" fixera xestións ante ningunha Administración pública nin sector público en relación co rescate da aeroliña e dixo que defenderá a súa inocencia.

Este caso está a provocar unha auténtica tormenta política en España, onde a oposición conservadora esixe a convocatoria de eleccións e os partidos políticos que apoian no Parlamento ao Gobierno, que non ten maioría, esixen explicacións ao presidente do Executivo, o socialista Pedro Sánchez. 

A investigación

O expresidente Zapatero enfróntase a unha labiríntica e inxente investigación xudicial que vai máis aló do rescate de Plus Ultra. Inclúe tamén referencias a compra de ouro e petróleo. 

De momento non hai mensaxes directas, pero queda moito material sen analizar. A Policía quixo rexistrar a súa casa, pero o xuíz non o autorizou. Luis Arroyo, un voceiro autorizado polo expresidente, asegura que está moi sorprendido polas conexións "collidas con pinzas" que fai tanto o auto xudicial coma os informes da UDEF. 

Si permitiu a entrada na súa oficina. E alí estaba a caixa forte, onde gardaba máis dun cento de pezas coma estas. Había colares, pulseiras ou reloxos, valorados pola familia entre 30.000 e 50.000 euros pero que finalmente van ser valorados por un perito oficial.  Segundo un voceiro da familia, todas estas xoias procedían de herdanzas tanto da familia de Rodríguez Zapatero coma da súa muller e mesmo de agasallos en viaxes. 

A policia estudou os movementos das contas de Zapatero entre 2020 e 2025. 174 transferencias que suman 2,6 millóns de euros. De momento o foco están nos case 500.000 euros bloqueados. 

Parte deses pagos realizábaos, Julio Martínez Martínez, o presunto home de palla. Compartía con el negocios e mesmo xestións en Venezuela. 

Na súa casa de Madrid había unha libreta con anotacións manuscritas de presos políticos ou referencias ao CNI e á repatriación do Edmundo González a España. Tiña 286.000 euros agochados en bolsas de golf, radiadores e mesmo nunha caixa de vasos. Outros dez mil euros en sobres con caracteres chineses. 

Nas últimas horas o xuíz emitiu unha orde internacional para deter a Adoldo Reyes, accionista maioritario de Plus Ultra. Puido ordenar transferir diñeiro do rescate a tres sociedades instrumentais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade