Zapatero non aclara a orixe das xoias do seu despacho e nega que influíse no rescate de Plus Ultra
"Non falei con ninguén. Nin da SEPI nin do Goberno sobre o rescate da aeroliña", asegura
Zapatero sinala que as xoias que gardaba no despacho foron un agasallo de cortesía persoal que recibiu hai moitos anos pero non aclara a súa procedencia
Arquivo/César Vallejo Rodríguez/Europa Press
O expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, negou con rotundidade que exercese influencias para o rescate polo Goberno da aeroliña Plus ultra. Defende que a súa actividade profesional como consultor sempre respectou a legalidade.
"Ninguén vai poder dicir que fixen ningunha soa influencia. Nin sequera que falei con ninguén, nin da SEPI, nin do Goberno, para o rescate de Plus Ultra", asegurou nunha entrevista en TVE.
"Non sabía o que ía facer o Consello da SEPI"
Zapatero non entrou a valorar a estratexia de defensa de quen fora o seu socio, o empresario Julio Martínez. Ante o xuíz da Audiencia Nacional, este apuntou ao expresidente para o préstamo de 53 millóns de euros de Plus Ultra.
Tamén rexeitou que avisase a Martínez de que o Goberno ía aprobar o rescate. "Non sabía o que ía facer o Consello da SEPI. Non intervín en nada da tramitación. Non o souben", dixo.
As xoias foron un agasallo de cortesía privado dun país que non desvela
Na entrevista, o expresidente do Goberno foi preguntado polas xoias atopadas nunha caixa forte do seu despacho e valoradas en 1,3 millóns de euros.
Segundo José Luis Rodríguez Zapatero, foron un agasallo de cortesía privado que recibiu hai moitos anos dun país que preferiu non desvelar.
O exmandatario dixo que as gardaba nunha caixa forte no seu despacho sen ter afán patrimonial nin intención de defraudar e asegurou que descoñecía o valor atribuído a estas.
"O último que eu pensaba era no valor patrimonial", sinalou.
Sobre se incumpriu o código de bo goberno que aprobou na súa etapa a cargo do Executivo, que impedía recibir este tipo de agasallos, Zapatero admitiu que é algo interpretable, como todo.
Reiterou que nunca tivo intención de defraudar á Facenda Pública. "En absoluto, intención de defraudar en absoluto, e ímolo substanciar de xeito adecuado", aseverou, e amosou a súa disposición a colaborar coa xustiza e aclarar todas as circunstancias ante o xuíz.
O expresidente confesa que esta situación supuxo para el un impacto significativo, xa que, segundo reiterou, é un asunto sen interese e sen afán patrimonial.
O PSOE mantén o seu apoio a Zapatero e esixe que se respecte a súa presunción de inocencia
Tras escoitar a entrevista, o PSOE asegurou este xoves que mantén o seu apoio ao expresidente José Luis Rodríguez Zapatero e esixiu que se respecte o procedemento xudicial e a súa presunción de inocencia.
Nun comunicado distribuído aos medios minutos despois da entrevista, o PSOE subliñou que Zapatero ofreceu "explicacións públicas" e reafirmou "a súa inocencia" e que eles manteñen o seu apoio ao expresidente.
Os socialistas apuntaron que o partido "mantén exactamente a mesma posición que defendeu desde o primeiro día": "Respecto absoluto ao procedemento xudicial e defensa da presunción de inocencia".
Zapatero agradece o apoio de Sánchez e pídelle a Feijóo que respecte a presunción de inocencia
O expresidente agradece o apoio e confianza recibida por parte do xefe do Executivo e dos seus compañeiros de partido. Recoñece que sofre "moito" ao pensar que a súa situación afecte ao PSOE e pide que non o apoien "por fe nin por cariño", senón polo convencemento da súa inocencia.
"O meu deber non é ampararme na relación de confianza, senón demostrar con feitos e defender a miña inocencia coas regras do dereito", insistiu.
Zapatero confía en ter un procedemento xusto con todas as garantías e pídelle a Feijóo que respecte o seu dereito á presunción de inocencia.
"Ata que non hai unha sentenza firme, aquí non delinque ninguén. E, por tanto, que teña respecto á presunción de inocencia", pediu Zapatero. "Ninguén me pode dicir que delinquín ata que non haxa unha sentenza firme".