Yolanda Díaz evita desvelar se repetirá de candidata: "Falar de persoas é un erro enorme"
A nova confluencia presentarase o día 21 de febreiro
Gabriel Rufián insiste na súa proposta de crear unha fronte ampla de esquerdas para as xerais
Sánchez cre que os resultados de Aragón responden a unha "operación de branqueamento" de Vox
Nos corredores do Congreso, este mércores Pedro Sánchez quedou en segundo plano, porque os xornalistas querían saber se Yolanda Díaz vai repetir de candidata nas próximas xerais. Pero a líder de Sumar evitou aclaralo. "Falar de persoas, falar de marcas, é un enorme erro", afirmou a dirixente de Sumar.
A nova coalición presentarase o día 21 de febreiro e busca máis socios. "Aquí non sobra ninguén", insiste a líder de Más Madrid e ministra de Sanidade, Mónica García.
Pero Podemos pasa de longo, non quere entrar nun proxecto ao que si lle dá a benvida o PSOE. "Espero que lles vaia ben", di o seu voceiro no Congreso, Patxi López.
E é que, segundo o líder do PP, aos socialistas convenlles Yolanda Díaz, á que cualificou de "xoguete roto do PSOE".
Pola súa parte, Pedro Sánchez deu a súa primeira explicación pública dos resultados en Aragón. Cre que responden a unha "operación de branqueamento da ultradereita do noso país", que a dereita levou a cabo durante anos. Na súa opinión, PP e Vox "no fondo e na forma son o mesmo".
Pola contra, para Alberto Núñez Feijóo, o secretario xeral do PSOE ten os días contados, "e non deixarán de dicilo as urnas".
Para evitalo, Gabriel Rufián propón unha fronte ampla á esquerda do PSOE. "Ou falamos entre nós ou imos ao carallo", insistía este mércores de novo.
PP e Vox mófanse da proposta. "Igual dura menos que a república catalá, pero alá vostede", díxolle Alberto Núñez Feijóo. "Vaia salvavidas", espetoulle Santiago Abascal.
O certo é que a proposta de Rufián tampouco convence os independentistas. Mertxe Aizpurua, a voceira de EH Bildu que esa non é a súa estratexia, porque a súa "está centrada en Euskal Herria". Nin sequera o seu partido, ERC, avala a idea.