Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e universidades advirten do custo das baixas laborais, que cifran en máis de 2.000 millóns

Xunta e universidades advirten do custo das baixas laborais, que cifran en máis de 2.000 millóns

As empresas galegas non substitúen o 40% dos traballadores de baixa

As incapacidades temporais supoñen o 80%  do total das causas de absentismo laboral e, de todas, preto do 90% están relacionadas con continxencias comúns

Son datos do informe sobre absentismo laboral encargado polo Executivo autonómico

A Xunta aproba a regulación da Mesa de Diálogo Social á que vai levar o plan para reducir o absentismo

O informe foi elaborado por profesores das universidades de Vigo e Santiago. EFE/Xoán Rey
G24.gal 20/04/2026 19:20

Membros da Consellería de Emprego e Santiago Lago Peñas, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentaron este luns un informe en que advirten do custo económico das baixas laborais e avogaron por reducir o impacto das mesmas.

Segundo este documento, que mide o absentismo laboral en Galicia, un termo que engloba todo o persoal que falta ao seu posto de traballo por diferentes causas, desde incapacidades temporais por motivos de saúde a permisos ou ausencias inxustificadas, a comunidade galega é unha das máis afectadas por estes procesos de todo o Estado.

Así, a porcentaxe de horas de traballo perdidas en 2024, último ano do que existen rexistros, foi do 7,6 por cento, máis dun punto por encima da media estatal do 6,3 por cento e só por detrás das Canarias, onde se alcanzou o 8,2 por cento.

En Galicia, segundo relatou Lago Peñas, tamén se recolle unha prevalencia das baixas laborais por habitante máis alta que no conxunto do Estado; alén de que estas son dunha duración máis prolongada que no resto de España.

No entanto, o grupo de profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Vigo (UVigo) autor deste informe non logrou identificar as causas que levan a estes rexistros, xa que, segundo Lago, trátase dun fenómeno "multifactorial".

Si incide o documento elaborado no impacto económico do absentismo laboral en Galicia, que os autores elevan ata os 985 millóns de euros de custo para a Seguridade Social en materia de prestacións.

Á súa vez, a estimación que realizan, sen datos exactos, é doutros 964 millóns de euros en custos para as empresas e dun efecto sobre aproximadamente un tres por cento do PIB polo descenso da produción.

"Estas cifras non quereriamos que fosen cero en ningún caso", advertiu Lago Peñas, que sostivo que están ligadas co exercicio de dereitos laborais, pero si opinou que se deben reducir estas cantidades e avanzar cara ás medias da Unión Europea neste aspecto.

 

Deste xeito, aínda que non presentou datos de absentismo directamente homologables, sinalou que, de acordo coa Enquisa de Poboación Activa (EPA), España conta co dobre de incidencia de baixas laborais que a media comunitaria.

As incapacidades temporais supoñen, segundo observou o profesor da USC, o oitenta por cento do total das causas de absentismo laboral e, de todas elas, a gran maioría, preto do noventa por cento, están relacionadas con continxencias comúns, en especial doenzas musculo-esqueléticas, tumores e trastornos da saúde mental.

Lago Peñas manifestou que o absentismo laboral é un fenómeno "moi difícil" e "complexo" de tratar por abarcar unha "enorme diversidade de situacións", pero remarcou que se debe reducir todo aquel que considera "socialmente inadmisible", no que inclúe accidentes laborais, asistencias sanitarias dilatadas por culpa da administración competente ou casos de fraude.

Como conclusión, Lago Peñas chamou á implicación das institucións, loou as políticas postas en marcha desde a Xunta e reclamou ás empresas que acompañen as medidas avanzadas polo Executivo galego, posto que preto do corenta por cento do absentismo laboral en Galicia non se cobre con outros traballadores.

Desta forma, subliñou que o setenta por cento das máis de trescentas empresas galegas enquisadas para este informe din estar "moi preocupadas" polo absentismo laboral; mesmo a pesar de que un terzo delas non dispón de medidas para controlar o absentismo e de que existe "marxe" para "facer as cousas mellor".

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, José González Vázquez, afirmou que o absentismo laboral "impacta na produtividade da economía galega" e que, a pesar de que moitas das súas circunstancias teñen que ver con dereitos "totalmente lexítimos" dos traballadores, débese facer o posible por "reducir" a prevalencia das baixas laborais e evitar "prolongacións innecesarias" e "abusos" coas mesmas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hai apenas dúas semanas, con motivo da celebración do debate anual de política xeral, un endurecemento do control das incapacidades temporais en Galicia coa creación de novas unidades especializadas de inspección; alén de outorgar ás mutuas un papel preponderante na supervisión destes procesos.

Estas medidas, apuntou esta tarde o conselleiro, foron postas en coñecemento dos axentes do diálogo social en Galicia, co obxectivo de que poidan ser abordadas en reunións bilaterais ao longo dos próximos tres meses e así ter lista a regulación "canto antes". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade