Publicador de contidos

Publicador de contidos

O acusado da morte dun home nunha festa de Noitevella en Oleiros será xulgado por homicidio por imprudencia grave

O acusado da morte dun home nunha festa de Noitevella en Oleiros será xulgado por homicidio por imprudencia grave

A liorta tivera lugar nun hotel

Tamén serán xulgados familiares e amigos tanto da vítima coma do acusado

G24.gal 22/12/2021 19:08

A celebración da Noitevella de 2020 nun hotel de Oleiros acabou de maneira tráxica. Sobre as seis da mañá dous grupos de asistentes iniciaron unha disputa dentro do establecemento e continuárona fóra co lanzamento de todo tipo de obxectos e mobiliario do local. Foi no transcurso desta pelexa no exterior cando, segundo conclúe agora a xuíza instrutora do caso, David Martínez golpeou na cabeza a Enrique Gueto cun cinseiro. A raíz do golpe Enrique caeu ao chan e faleceu ao cabo duns minutos. 

A autopsia recollida agora no auto de instrución conclúe que a causa da morte foi ese golpe, porque o traumatismo lle provocou unha hemorraxia cerebral.

Recoñece a instrutora que, tal como reflexa a autopsia, iso se puido ver agravado pola presenza de alcol e droga no organismo da vítima e pola posible rotura dun aneurisma previo, pero en calquera caso considera que corresponde xulgar a David Martínez por un delito de homicidio por imprudencia grave con lesións dolosas. Iso pode supoñerlle unha pena dun a catro anos de prisión. 

A muller e a familia do falecido que exercen cadansúa acusación particular consideran que foi un asasinato e solicitaron reiteradamente que o acusado, que saíu en liberdade condicional poucas semanas despois do suceso, volva a prisión ata que se celebre o xuízo.

Amais do principal acusado pola morte de Enrique Gueto, tamén terán que comparecer diante da xustiza un amigo seu e o pai e un cuñado da vítima. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade