Xornada de vacinación nos grandes recintos para todos os grupos de idade
No Gaiás, en Compostela, están citadas unhas dúas mil persoas maiores de 18 anos
Estase a administrar a dose de reforzo
O domingo continúa a vacinación dos nenos de entre 5 e 11 anos
Con gran parte da poboación vacinada en Galicia, os grandes recintos están a administrar este sábado a dose de reforzo aos que non puideron acudir no seu momento co seu grupo de idade.
Tamén están abertos para aqueles que aínda non puxeron a primeira ou a segunda dose e mañá continuará a vacinación dos cativos de entre 5 e 11 anos.
Excepto no caso dos cativos, a vacinación en Galicia está xa nun punto de segundas oportunidades para todos os grupos de idade a partir dos 18 anos.
No Gaiás, en Compostela, este sábado están citadas unhas dúas mil persoas, mil pola mañá e outras mil pola tarde. Os convocados están a recibir a terceira dose, que por diversos motivos foron atrasando.
O domingo apárcanse as segundas oportunidades e continúa a vacinación dos nenos de 5 a 11 anos.
"Están citados uns 1.500 nenos pola mañá e outros 1.500 cativos pola tarde para completar a primovacinación, da primeira dose que se lles puxo no mes de decembro", di Ismael Busto Castaño, membro de equipo de coordinación da vacinación na Cidade da Cultura.