Domingo intenso de cribados na área sanitaria de Ourense
Pódense facer as probas na capital, en Verín e no Barco de Valdeorras
Para a semana faranse en once localidades, cabeceiras de comarca
Este domingo está a ser unha xornada de intensas probas de diagnose na área sanitaria de Ourense. Continúan os cribados masivos no Espazo Xove da cidade das Burgas e, pola tarde, tamén nos hospitais de Verín e O Barco de Valdeorras.
Estas probas, nasofarínxeas, PCR ou doutro tipo, fanse necesarias logo dos 922 novos positivos notificados na área sanitaria para un total de máis de 8.300 casos activos. Durante a semana vai haber máis cribados en once localidades, cabeceiras de comarca, pero haberá que acudir con cita previa.
Para asistir é preciso inscribirse a través da páxina do Sergas https://coronavirus.sergas.gal/cribado/rexistro.aspx e as persoas seleccionadas recibirán unha mensaxe no seu móbil.
Goteo incesante de xente
De toda idade e condición, son numerosas as persoas que acoden a estes puntos ben por ter síntomas, ben por ter estado en contacto con positivos ou ben por simple precaución. O test nasofarínxeo, máis similar á PCR, permite coñecer a diagnose en poucos minutos.