Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xi pecha filas con Putin, que se ofrece como socio enerxético "fiable" ante a crise

Xi pecha filas con Putin, que se ofrece como socio enerxético "fiable" ante a crise

É a vixésimo quinta visita do mandatario ruso ao país asiático e a primeira reunión presencial entre ambos os dous líderes no que vai de ano

A China e Rusia piden a pronta continuación do diálogo sobre Irán e condenan os ataques dos EUA

Sputnik/Alexander Kazakov vía Reuters
G24.gal 20/05/2026 08:08 Última actualización 20/05/2026 12:32

Os presidentes da China e Rusia, Xi Jinping e Vladimir Putin, defenderon este mércores en Pequín unha maior coordinación ante as tensións internacionais, no medio das cales o líder ruso destacou o papel de Moscova como subministrador enerxético "fiable" para A China.

A reunión, celebrada no Gran Palacio do Pobo, constitúe o momento central da visita de Estado de Putin á China, a vixésimoquinta do mandatario ruso ao país asiático e a primeira reunión presencial entre ambos os dous líderes no que vai de ano.

Xi recibiu a Putin con honras na escalinata do Gran Palacio do Pobo, nun encontro que se produce unha semana despois da visita do presidente estadounidense, Donald Trump, a Pequín, unha secuencia que a prensa oficial chinesa presentou como sinal de que a capital chinesa se consolida como "epicentro da diplomacia mundial".

O mandatario chinés sinalou que o escenario internacional atravesa unha situación de "cambios e turbulencias entrelazados" e lamentou as "tendencias adversas de hexemonismo unilateral", aínda que sostivo que a paz, o desenvolvemento e a cooperación seguen sendo a "corrente principal".

"Como membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU e grandes potencias mundiais, A China e Rusia deben mirar ao longo prazo estratéxico", afirmou Xi, quen pediu promover un sistema de gobernanza global "máis xusto e razoable", segundo Xinhua.

Putin, pola súa banda, asegurou que as relacións entre Rusia e a China alcanzaron un nivel "sen precedentes" e son un exemplo de "verdadeira asociación estratéxica", segundo a versión difundida por medios rusos.

No plano enerxético, Putin afirmou que Rusia segue desempeñando un papel de provedor "fiable e estable", nun momento en que o bloqueo do estreito de Ormuz por parte de Irán e os Estados Unidos puxo baixo presión os roteiros marítimos de subministración cara a Asia e elevou o peso estratéxico dos gasodutos terrestres.

Por Ormuz transitan aproximadamente o 45 % das importacións chinesas de petróleo e gas e as autoridades do xigante asiático tiveron que intervir nas últimas semanas para conter a subida de prezos dos combustibles.

Momento "crítico" en Oriente Medio

Xi tamén se referiu á conxuntura no golfo Pérsico, que describiu como situada nun momento "crítico" entre a guerra e a paz, e afirmou que "o cesamento total das hostilidades é imperativo".

O mandatario chinés sostivo que insistir na negociación resulta "especialmente importante" e que unha pronta desescalada axudaría a reducir as perturbacións sobre a estabilidade da subministración enerxética, as cadeas industriais e de subministración, e a orde comercial internacional.     

Putin confirmou así mesmo a súa disposición para asistir en novembro ao cume do Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), que se celebrará na cidade chinesa de Shenzhen.

A viaxe coincide co 25 º aniversario do Tratado de Boa Veciñanza, Amizade e Cooperación entre a China e Rusia e co 30 º aniversario do establecemento da súa asociación estratéxica.

Polo momento, non transcenderon comentarios nin de Xi nin de Putin acerca da guerra en Ucraína, respecto á cal A China mantivo unha posición ambigua desde o seu inicio: pediu respecto á soberanía e integridade territorial de todos os países e, ao mesmo tempo, insistiu en atender as "lexítimas preocupacións de seguridade" de todas as partes, en referencia a Rusia.

Pouco antes do inicio da invasión rusa a gran escala de Ucraína en 2022, Xi e Putin proclamaron en Pequín unha "amizade sen límites", unha fórmula que desde entón acompañou o estreitamento dos seus vínculos políticos, comerciais e enerxéticos. 

A China e Rusia piden a pronta continuación do diálogo sobre Irán e condenan os ataques dos EUA

A China e Rusia avogaron este mércores por unha pronta continuación das negociacións arredor de Irán para evitar unha ampliación do conflito en Oriente Medio, á vez que condenaron os ataques dos Estados Unidos e Israel.

"Rusia e A China subliñan a necesidade dun pronto retorno ao diálogo e as negociacións de todas as partes implicadas no conflito para evitar unha ampliación da zona de conflito", sinala a declaración conxunta publicada ao termo do cume en Pequín entre os líderes chinés, Xi Jinping, e ruso, Vladimir Putin.

Engadiron que Pequín e Moscova "comparten a opinión de que os ataques militares dos EUA e Israel contra Irán violan o dereito internacional e as normas fundamentais das relacións internacionais, e minan gravemente a estabilidade en Oriente Medio".

Ademais, denunciaron tamén "o asasinato de dirixentes de países soberanos, a desestabilización da situación política interna, a instigación dun cambio de poder e o descarado secuestro de líderes nacionais para o seu axuizamento".

Xi e Putin condenaron no seu momento tanto o asasinato nun bombardeo do líder supremo de Irán, Ali Khameneí, como o apreixamento do líder venezolano, Nicolás Maduro, a mans dos EUA.

Este mércores, en clara alusión a Washington, tamén condenaron o emprego "hipócrita" das negociacións como "tapadeira" para realizar ataques armados contra outros países.

A declaración subliña a importancia da "inmunidade" dos dirixentes da persecución xudicial por parte doutros países, o que é "unha importante garantía do funcionamento estable das relacións internacionais".

En canto á franxa de Gaza, rusos e chineses avogan por alcanzar unha "tregua sólida" que permita estabilizar a situación e "o acceso ininterrompido da axuda humanitaria a todos os necesitados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade