Xeo e néboa súmanse aos riscos do alcol ao volante
Cunha previsión de temperaturas baixo cero, aumenta o perigo de coller o coche esta Noitevella
Á parte de non conducir baixo os efectos do alcol, Tráfico recomenda extremar as precaucións ante o risco de atopar xeo e bancos de néboa nas estradas
Moitos regresarán á casa este Aninovo coas primeiras luces do día, os momentos máis fríos dunha xornada que será baixo cero en puntos do interior de Galicia. Hai risco de xeo e tamén de atopar algunha estrada esvaradía por mor da néboa.
Luis Novoa Fernández, presidente da Asociación de Autoescolas de Ourense: "Ter en conta que con xeo ou neve na calzada, a distancia de freado pode aumentar ata dez veces máis, así que hai que aumentar a distancia de seguridade".
Tamén podemos atopar néboas, coma todos estes días. Nese caso, é importante asegurarse do bo estado das luces antes de coller o coche.
"Usar as luces de néboa dianteiras e, se non as temos, porque son opcionais, usar as de cruce. E se hai unha néboa densa, que non se distingue ben o vehículo, acender antinéboa traseira", aconsella Luis Novoa.
E ollo tamén cos animais, xabarís fundamentalmente, que poden sorprendernos sobre todo circulando por estradas secundarias. Cómpre manter a calma e non facer movementos bruscos co volante.
David Llorente, xefe provincial de Tráfico en Ourense: "Se non podemos evitar a colisión co animal, freando, nunca dar un volantazo. É preferible bater co animal, porque un golpe brusco do volante pode provocar unha invasión do sentido contrario, colisión contra o peche dunha finca, un poste, un farol...".
Asegurarse do bo estado dos pneumáticos e da presión das rodas son outras recomendacións para unha condución segura.
"Sobre todo, non beber alcol. E despois depende tamén da climatoloxía". "Hoxe chego ao meu destino e aparco o coche. Se non, é un perigo". "Hoxe o mellor é non coller o coche e, se hai que collelo, con moita precaución. Non beber", comentan varios condutores.
Lembrar tamén que xa hai que levar a baliza V16, obrigatoria a partir do un de xaneiro.