Villas Boas, presidente do Porto: "Gabri Veiga renunciaría ao 90 % do soldo por estar con nós"
O dirixente do club portugués confirmou que as negociacións están no treito final mentres o xogador está en Galicia agardando a que chegue a sinatura

O presidente do Porto, André Villas Boas, confirmou este xoves que a fichaxe de Gabri Veiga está no treito final das negociacións. Villas Boas confirmou a boa sintonía co club que ten os seus dereitos, o Al Ahli Saudí. A oferta do Porto é duns 17 millóns de euros para facerse cun xogador que hai dous anos custou case o dobre.
O que máis destacou Villas Boas foi a insistencia de Gabri en incorporarse ao proxecto. "Renunciaría a un 90 % do soldo que está cobrando agora para vir ao noso club", asegurou diante dos xornalistas o mandatario.
"Normalmente un deportista da súa idade quere beneficios económicos nas súas fichaxes e neste caso está acontecendo xusto o contrario", asegurou Villas Boas deixando ver a predisposición do porriñés para enrolarse nun dos grandes do fútbol portugués que a vindeira temporada xogará Europa League canda o Celta.