Gabri Veiga asina ata o 2030 co Porto cunha cláusula de 65 millóns
O equipo portugués paga 15 millóns máis 4 en variables ao Al Ahli Saudí no que o porriñés xogou dúas temporadas
Poderá debutar no vindeiro Mundial de Clubs
Rematou o serial de Gabri Veiga. O porriñés formado no Celta xogará no histórico Porto ata o ano 2030. O club portugués paga 15 millóns de euros (+ 4 en variables) ao Al Ahli Saudí co que remataba contrato en 2026. O club árabe investira en 2023 trinta millóns de euros polo centrocampista que entón xogaba no club vigués.
Sim, todos a querem...
— FC Porto (@FCPorto) June 5, 2025
...mas esta já tem dono.
Bem-vindo, Gabri Veiga💙#SeguimosJuntos pic.twitter.com/HHZgFy3INp
Veiga terá unha cláusula de 65 millóns de euros. Volve con 22 anos ao fútbol europeo, a un equipo que estará no vindeiro Mundial de Clubs. Remata así a exótica aventura árabe en que se converteu nun dos xogadores mellor pagados de España (12 millóns por temporada) e onde gañou unha Champions asiática.
O Porto agradece o esforzo económico que fixo o porriñés que rebaixou o seu salario en máis dun 80 % para adaptarse aos requisitos da entidade portuguesa. Para Gabri será como xogar na casa pola proximidade que ten coa súa vila natal.